
TVG emite esta noite ás 22.20 horas o terceiro episodio deste «reality»
16 dic 2024 . Actualizado a las 15:22 h.Esta noite, a partir das 22.20 horas, Televisión de Galicia emitirá o terceiro episodio de Salvaxe, o primeiro reality de aventuras da canle. Baixo o mando de María Lamela, os dezaseis concursantes dirán adeus a todo o que coñecen, abríndose un novo mundo para eles. O programa, coproducido por Voz Audiovisual e The Mediapro Studio, premia con 25.000 euros ao gañador.
Os concursantes conviven as 24 horas do día divididos en dúas bandas: a dos Raposos e a dos Nécoras. Para sobrevivir en Salvaxe non chega cunha boa forma física, os participantes terán que enfrontarse aos seus medos e poñer a proba os seus sentidos se queren continuar na aventura.
No programa de hoxe a praia de Doniños, no municipio de Ferrol, será o gran escenario dunha gran batalla entre todos os salvaxes que seguen en pé neste duro reto. Ás expulsións nos anteriores programas de Marcos e de Laura vaise sumar o abandono forzoso dun dos concursantes, que non poderá seguir no programa debido a unha grave lesión.
A dureza dos salvaxes tamén será posta a proba do xeito máis cotián, coa comida coa que se atoparán os participantes nesta entrega. Será unha particular degustación. Terán que probar pratos coma testículos de boi ou polbo cru, unha situación que causará arcadas, vómitos e bágoas. Ninguén dixo que ser un salvaxe fose sinxelo.
Ademais, a falta de descanso e certos problemas de intimidade causarán as primeiras grandes confrontacións entre os concursantes.