O «Atrápame se podes» celebra o Nadal con dúos incribles de famosos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

De esquerda a dereita Pili Pampín, Carla Núñez, Pepe Solla, José Luis, Dani Polo, José Ramón González Juanatey, Paco Lodeiro, Rocío Durán, Xurxo Carreño, Rocío Delgado e Marcos Pereiro, que participarán no «Atrápame».
De esquerda a dereita Pili Pampín, Carla Núñez, Pepe Solla, José Luis, Dani Polo, José Ramón González Juanatey, Paco Lodeiro, Rocío Durán, Xurxo Carreño, Rocío Delgado e Marcos Pereiro, que participarán no «Atrápame». asdfa

Durante dúas semanas o concurso estrela da TVG recibirá a vinte personaxes coñecidos de distintos ámbitos para celebrar estas festas por todo o alto

21 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Atrápame se podes volve este sábado á Televisión de Galicia cos seus especiais de Nadal. Dez famosos galegos intentarán responder as preguntas de Paco Lodeiro durante cinco noites, no horario habitual do programa, as 22.00 horas. O formato replica a fórmula de éxito do ano pasado, polo que serán dous famosos os que se atopen detrás de cada atril. O Atrápame vai xuntar a parellas incribles que se queren conseguir o bote solidario terán que demostrar os seus coñecementos en conxunto.

Esta primeira semana estarán no estudio do Atrápame o creador de contido Xurxo Carreño coa presentadora de Hora Galega, Rocío Durán. Acompañando a Pili Pampín estará a voz e cara detrás do pódcast Todo mal, Carla Núñez. Representando o campo culinario estará Pepe Solla co cociñeiro José Luis do Restaurante Cabanas de Lalín. Para que o humor non falte nestes especiais estará o actor e cómico Marcos Pereiro, que fará parella coa presentadora Rocío Delgado. Por último, un dúo sorprendente, o dos magos, composto polo ilusionista Dani Polo e un mago no ámbito da medicina, o recoñecido e prestixioso doutor José Ramón González Juanatey.

Ao igual que o resto de concursantes do Atrápame, os famosos tamén serán postos a proba coa rolda rápida de preguntas e a partir de aí agárdalles a fase dos retos, os premedores e os característicos chanzos. O dúo que suba ata o quinto chanzo xogará o ‘Minuto final’ e terá que acertar cinco preguntas temáticas en 60 segundos para poder gañar o bote.

O premio do Atrápame se podes nestes especiais de Nadal de famosos é solidario. Esta noite partirase de 1.500 euros e Paco irá sumando en cada programa outros 1.500 euros á cifra acumulada. En caso de que os famosos que xoguen o minuto final non acerten tódalas respostas, doaranse 1.000 euros á asociación correspondente. A maiores, se ningunha parella consegue facerse co bote, os cartos do mesmo repartiranse de maneira equitativa entre as asociacións no quinto programa. Esta noite a beneficiaria será Stop Accidentes Galicia e no resto de programas Dano Cerebral Galicia, Fegaban (Federación Galega de Bancos de Alimentos), Aspronaga e Fundación Andrea de apoio a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.

Tras esta primeira semana especial, o Atrápame recibirá o ano con máis dúos incribles de famosos. Nos vindeiros programas os espectadores poderán ver a Eva Iglesias e Esther Estévez facendo parella. Tamén estarán as dúas Marías, María Mera e María Lamela. A cantante da Panorama, Fátima Pego, fará dúo co produtor musical Iago Pico, recoñecido por temas como Terra, das Tanxugueiras. Sauro Martínez, capitán no programa Pesca total, estará acompañado de Sara Torreiro, a responsable de Márketing e RSC de Casa Grande de Xanceda. E, por último, haberá unha parella formada por dous exconcursantes, Iván Pantín e Sonia Gándara, os gañadores dos botes máis altos do Atrápame.

A emisión destes programas especiais de Nadal coincide coa boa nova que acaba de recibir o formato, elixido Mellor Prograrama de Televisión Autonómico nos Premios Iris 2024, uns galardóns da Academia da Televisión, que escoulleu ao conxunto dos Atrápames autonómicos como gañadores deste recoñecemento.