Os únicos boteiros que bailan están nunha aldea de Vilariño de Conso

María Cobas Vázquez
Maria Cobas O BARCO

SOCIEDAD

O entroido da localidade é festa de interese galego e buscará selo nacional

02 mar 2025 . Actualizado a las 13:35 h.

Os boteiros reciben ese nome porque botan. Ese é o seu movemento estrela, un para o que se valen dunha monca, un pau que usan a modo de pértega para levantar o corpo do chan en vertical coma se levasen un resorte nos pés. Son a figura estrela no entroido do concello ourensán de Vilariño de Conso, onde se contan ata sete fulións, as agrupacións de bombos, aixadas e cornas aos que o boteiro vai abrindo paso. Cada fulión ten o seu toque e o seu boteiro é diferente, pero manteñen moitas semellanzas, salvo nun caso: Mormentelos. É unha aldea próxima a Manzaneda, onde o seu entroido está protagonizado polas mázcaras, que non saltan, senón que bailan. E por esa proximidade foi que en Mormentelos tamén se movan dando voltas sobre si mesmos cos pés moi xuntos e os brazos en alto. Ademais, ao contrario dos outros boteiros, a súa máscara non leva careta, senón que van a cara descuberta.

Conta Esther Alonso, integrante do fulión, que os de Vilariño son boteiros pero bailan por unha influencia de moito tempo atrás, de cando se formaban parellas entre veciños de ambos municipios. Porque o entroido, ao igual que o amor, non entende de fronteiras municipais. Así que os de Mormentelos presumen de ser os únicos boteiros que bailan. É algo que levan no sangue. É o caso de José Castro, que con 65 anos non é quen de dar unha data de cando empezou a bailar. Sabe que foi cando era neno, así que podía ter tres anos ou tal vez cinco, pero seguro que non eran moitos máis, porque en Mormentelos o entroido vívese xa na familia. É unha paixón que se herda de avós a netos e de pais a fillos. Nos fulións non hai fenda de idade, o mesmo vense cativos de 4 anos que xente que hai tempo que goza da xubilación.

Cada vez son menos veciños, pero iso non significa que a tradición decaia. En todas as casas hai quen sexa parte do fulión e non falte cando saen de rolda pola aldea ou cando van de visita, explica Ramona Alonso. Eles teñen a tradición de acudir ao desfile de Vilariño de Conso, que onte viviu o día grande; e ao de Viana do Bolo, que se celebra hoxe no concello veciño, co que comparten ser o berce dos boteiros. Ademais, manteñen unha vella tradición coa aldea de Castiñeira, de facer quendas para ir tocar uns xunta os outros, alternándose cada ano.

O entroido de Vilariño de Conso está declarado como festa de interese turístico de Galicia e tramita, xunto aos veciños de Manzaneda de Viana do Bolo, dar un paso más e conseguir a distinción a nivel nacional. Van os tres da man como veñen facendo desde o 2019, cando decidiron coordinarse (de tal maneira que cada un vive o día gordo en xornada diferente, pois a de Manzaneda será o martes) e presumir de que no macizo central está a terra do fulión.