O Parlamento aprobará o nomeamento de Concha Pombo como directora da CRTVG en xullo

Manuel Varela Fariña
M. Varela SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Debate no Parlamento para a elección da candidata a dirixir a CRTVG.
Debate no Parlamento para a elección da candidata a dirixir a CRTVG. XOÁN REY | EFE

Será necesaria unha terceira votación despois de que BNG e PSdeG insistisen no seu rexeitamento á candidata proposta polo PP

03 jun 2025 . Actualizado a las 14:10 h.

O nomeamento da actual xefa de Informativos e Documentación da CRTVG, Concha Pombo, como nova directora da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —nome que pasará a recibir a CRTVG— votarase no pleno do próximo martes no Parlamento galego. Tanto o BNG como o PSdeG reiteraron este martes, tras a xunta de portavoces, o seu rexeitamento á candidata proposta polo Partido Popular, polo que será necesario repetir a votación nos seguintes plenos. Ao non acadarse a maioría de dous terzos esixida pola nova lei (50 votos), o procedemento repetirase dúas semanas despois, cando tampouco se prevé acadar os tres quintos (45 votos). Así, haberá que agardar ao primeiro pleno de xullo (previsiblemente o día 8) para que Pombo suceda a Alfonso Sánchez Izquierdo como nova responsable da corporación, pois abondará coa maioría absoluta da que dispón o PP.

O portavoz do PPdeG, Alberto Pazos, destacou o «longo percorrido profesional» e a valía da que será a «primeira muller» en dirixir o ente público. Pola súa parte, desde o BNG, a viceportavoz Olalla Rodil lamentou a «candidatura de parte» que representa Pombo, proposta polos populares, e que non contará «con máis apoios que o voto do Partido Popular». A deputada nacionalista amosouse de novo crítica coa reforma da normativa que regula a nova CSAG, lembrando que só recibiu o visto e prace cos votos do PP e que modifica tamén as maiorías necesarias para elixir os seus órganos de dirección. «Expresaremos outra vez as razóns polas que rexeitamos a elección desta candidata», sinalou Rodil, que tamén lamentou contar con só un turno de 5 minutos para facelo.

Desde o PSdeG, Elena Espinosa cualificou como unha «triste noticia» a elección de Pombo para asumir o cargo, incidindo en que os socialistas están «clarísimamente en contra desa proposta». «Triste nomeamento para a transparencia do que debería ser o noso máximo expoñente de medios de comunicación», recalcou.

O procedemento recollido na Lei de Servizos dos Medios Públicos, en vigor desde abril, para escoller o novo director ou directora xeral da CSAG é semellante ao empregado no Congreso para RTVE. O último cambio do Goberno central, vía decreto, permitiu que José Pablo López fose elixido presidente do ente público por maioría absoluta despois de non obter a maioría de dous terzos.

Estratexia dixital e internacionalización

Concha Pombo compareceu a semana pasada no Parlamento galego para defender o seu proxecto á fronte do ente público no caso de ser escollida, nunha nova etapa «co galego e co próximo por bandeira». Na comisión parlamentaria fixo un repaso pola súa traxectoria na CRTVG, onde exerce como directora de Informativos desde 2017, e puxo en valor o feito de ter comezado hai 27 anos como bolseira. «Hoxe estase a poñer en valor a traxectoria e a carreira profesional de todas as traballadoras e traballadores da empresa», afirmou.

Na súa intervención, de case media hora, apostou por unha liña continuísta na transición da CRTVG á CSAG e estableceu varios retos inmediatos. Entre eles, destacou o reforzo da «marca G», o avance cara a unha «corporación multimedia» e o desenvolvemento de canles e aplicacións propias que reduzan a dependencia de algoritmos externos. Propuxo tamén a dixitalización a curto prazo do arquivo histórico entre 1985 e 2000, así como alianzas con universidades, centros de investigación e coa diáspora galega. «Agalega.gal é a nosa Netflix galega, diversa e de balde», sinalou.

Ademais da dixitalización da radio e do arquivo, a candidata defendeu a necesidade de modernizar os sistemas de produción e manter os «estándares técnicos e de seguridade» que permitan, a nivel interno, «a transición definitiva cara a unha corporación multimedia». Eloxiou o sector audiovisual galego e expresou a súa intención de potenciar e fortalecer o talento propio, marcando como outro obxectivo a expansión internacional «como nunca antes sucedera na historia do noso audiovisual».

A oposición xa rexeitara ese día a súa candidatura entre críticas por «manipulación» e «sesgo informativo» no seu desempeño á fronte dos Informativos. Olalla Rodil cualificara a proposta do PP como a dunha «directora de parte». «Para iso reformou a lei o PP, para poder poñer un nome deles», denunciou. Cuestionou a súa idoneidade por ser responsable da «desaparición do pluralismo nos medios públicos», exemplificando co «veto» á portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e coa invisibilización doutras forzas e colectivos.

Desde o PSdeG, Silvia Longueira acusara o PP de escoller a persoa «máis radical posible» para a dirección do ente público, despois de «perverter» o procedemento cunha reforma legal que eliminou a esixencia de consenso parlamentario. Criticou tamén que a candidata fose responsable dos Informativos durante unha das «etapas máis negras de manipulación e persecución política» ao persoal profesional, marcada polos 366 venres negros. Advertiu, ademais, do «sesgo» na xestión do arquivo, centrado exclusivamente na actividade do PP e do Goberno galego, ignorando actos doutros axentes sociais como sindicatos ou entidades locais.