A Festa do Esquecemento de Xinzo recupera o gran circo romano na súas vodas de prata
SOCIEDAD

O espectáculo sobre terreo de area incluirá cuadrigas, loitas de gladiadores e gradas para o público
25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia celebra este verán os seus 25 anos de traxectoria, cunha programación ampla e diversa. A asociación cultural Civitas Limicorum, organizadora do evento, destaca que haberá máis de cincuenta actividades gratuítas, entre espectáculos, concertos, pasarrúas, animacións, desfiles, teatralizacións ou eventos simbólicos, como o prendido e o apagado do lume sagrado, que inauguran e poñen fin á festa.
Celebrarase do 22 ó 25 de agosto e a gran novidade desta edición será o regreso do gran circo romano, un espectáculo sobre terreo de area que incluirá cuadrigas, loitas de gladiadores e gradas para o público, con preferencia para quen vaia vestido de época. A música tamén terá un papel protagonista, con concertos os tres días.
Entre os actos máis destacados están o gran desfile inaugural con fachós, o cruce do río Lethes, a gran loita final e o apagado do lume sagrado.
A festa non se concentrará nun único espazo da vila. A programación está deseñada para activar todos os escenarios e zonas do centro en diferentes horarios e con propostas variadas.
Contará cun mercado artesanal, zona infantil e campamento galaico-romano, ademais de coa participación de grupos de recreación histórica galegos e doutros puntos de España. «Chegamos ao ano do noso 25 aniversario. Un camiño longo, cheo de esforzo e ilusión compartida, no que a festa se converteu nunha das celebracións máis recoñecidas de Galicia», destacou Marcos Argibay Gago, presidente de Civitas Limicorum.