Os efectos crueis da pobreza

Antón Bouzas

SOCIEDAD

María Pedreda

29 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Talvez un dos efectos máis destrutivos e inhumanos de non cubrir necesidades básicas sexa a prostitución como vítimas de trata, que se define como tráfico de seres humanos como escravas e vítimas de pobreza extrema. A nosa democracia plena ten unha serie de carencias ás que temos que darlle solucións e unha das máis urxentes sería a inexplicable trata de seres humanos con fins de explotación sexual a plena luz do día e nocturnidade cómplice. Son durísimos os datos do INE elaborados polo Ministerio de Igualdade no 2025. En España están en situación de prostitución 114.576 mulleres, das cales o 80 % están en risco de trata con fins de explotación sexual, que veñen sendo 92.764 persoas. Son 56 mulleres por cada 10.000, e o 8,5 % están en risco alto de trata. É urxente que nos fagamos a seguinte reflexión con intención de rematar con esta inexplicable situación. O Código Penal vén de recoller unha serie de artigos que prohíben e penan a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Polo tanto temos que dicir, sen medo a equivocarnos, que estas vítimas de trata, que son detidas e secuestradas polas mafias e que son violadas reiteradamente durante meses ou anos, son vítimas doutros delitos que están tipificados dentro no noso Código Penal, como son a violencia física e psicolóxica, as torturas, as estafas... Por que entón seguen a coñecerse os escandalosos datos de trata no Estado español?

Ao meu parecer habería dúas causas principais. Unha, que seguimos a ser unha sociedade machista, patriarcal e de baixo nivel de conciencia humanitaria e certa complicidade cos estragos que provoca a trata. E a segunda, as institucións públicas, as distintas policías e a xudicatura non interveñen suficientemente para aplicar con rigor e eficacia o Código Penal. O Goberno está redactando un proxecto de lei sobre a abolición da prostitución que significa derogar unha lei preceptiva ou costume. Esta futura lei, para ser eficaz e xusta, ten que recoller e lexislar intervencións de obrigado cumprimento polas distintas Administracións. Políticas biosicosociais que garantan cubrir necesidades básicas a través dun auténtico ascensor social para que as vítimas da prostitución suban dun estadío de escravitude e pobreza severa que lles permita reconstruírse a través da xustiza social. Que suban nese ascensor para entrar no estado de benestar social libres, iguais e económicamente autosuficientes. Que teñan dereito a todo tipo de axuda institucional para superar os traumas que, sen dúbida, padecen. Se non fora así sería un auténtico fraude humanitario e da xustiza social. Por isto esta nova lei debería chamarse de abolición da prostitución e recuperación da liberdade e da igualdade. Se non fora posible a través da vida laboral debería garantirse mediante axudas económicas das Administracións sen esquecer a necesaria atención á saúde mental das vítimas.

Nos anos 70 un grupo de cinco rapaces fomos vivir ao barrio de prostitución de Vigo, cun proxecto de intervir con nenos, nenas e xuventude do barrio e parar o Plan Parcial do Castelo de San Sebastián que pretendía derrubar todas as vivendas como método de hixienización da poboación empobrecida que alí vivía. Conseguido ese obxectivo crecemos na zona baixa como Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello.

Antón Bouzas Ávarez é terapeuta e traballou na Unidade Asistencial de Drogodependencias (CEDRO) en Vigo.