«Eu sei + ca ti» emítese agora de luns a venres e despois do tempo do telexornal mediodía

Miguel Cebrián REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Antonio, Marcos e Suso, Os Escalenos, gañadores do primeiro bote
Antonio, Marcos e Suso, Os Escalenos, gañadores do primeiro bote

O popular concurso televisivo da TVG modifica as súas franxas horaria e diaria pero mantén o seu formato e o seu presentador, Fran Nogueira

06 oct 2025 . Actualizado a las 12:46 h.

O programa de cultura xeral Eu sei + ca ti da TVG, estreado o pasado mes de xullo, cambia as súas franxas diaria e horaria. A partir deste luns pasa a emitirse de luns a venres despois do tempo do telexornal mediodía -ás 15.45 horas-, en vez de entre sábado e mércores, despois do tempo do telexornal serán, como se viña facendo ata agora. O resto mantense igual. Fran Nogueira conducirá o espazo e os seus concursantes seguirán loitando por ver quen leva os máis de 6.000 euros da caixa forte, empregando como chave os seus coñecementos.

Producido por Voz Audiovisual en colaboración con Mediapro, Eu sei + ca ti estreouse no verán e adaptou á idiosincrasia galega un formato reproducido nas televisións doutras comunidades. De carácter diario e cunha duración de 35 minutos, emítese en ciclos de cinco programas consecutivos, nos que os mesmos tres tríos compiten entre si respondendo a diferentes cuestións de distintas áreas de coñecemento: cultura xeral, lóxica, historia, ciencia e cultura popular de Galicia.

A través de distintas fases e mediante preguntas, probas e desafíos, o obxectivo é facerse co premio máximo do concurso. En cada programa, o trío de participantes que acade a maior puntuación e chegue á fase final consegue unha recompensa directa de 200 euros. Ademais, o concurso conta cun bote fixo de 6.000 euros agochado nunha caixa forte, e ao remate de cada unha das probas, os equipos revelan un dos cinco díxitos do seu código de apertura. A caixa permanece pechada ata que se descubra todo o código. Os primeiros en facelo foron Os Escalenos —Suso, Antonio e Marcos, docentes que se coñeceron no instituto Maximino Romero de Lema (Zas)—, que lograron facerse co bote o pasado mes de agosto.