Orlando Gregorio Álvarez, biólogo: «Cada aldea debería recuperar un cachiño de souto, polo menos, para poder comer castañas»

LA VOZ REDACCIÓN

SOCIEDAD

O biólogo, nunha imaxe de arquivo na que desbroza o tramo máis duro da ruta de sendeirismo de subida ao monte Pía Paxaro por Penaboa. Álvarez incide na importancia de repoboar o monte, coidalo, cultivalo e mantelo limpo. Tamén destaca o papel dos cortalumes naturais e das especies ignífugas, especialmente dos castiñeiros.
O biólogo, nunha imaxe de arquivo na que desbroza o tramo máis duro da ruta de sendeirismo de subida ao monte Pía Paxaro por Penaboa. Álvarez incide na importancia de repoboar o monte, coidalo, cultivalo e mantelo limpo. Tamén destaca o papel dos cortalumes naturais e das especies ignífugas, especialmente dos castiñeiros. MANUEL VALCÁRCEL

Con motivo da última campaña de Voz Natura, que promove a recuperación sostible dos terreos afectados, reflexiona sobre o que se debe facer no monte despois dun lume

20 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Orlando Gregorio Álvarez suma décadas de experiencia no mundo da recuperación forestal. Biólogo de profesión, aínda lembra as consecuencias dos incendios que teñen arrasado a súa terra, O Courel, nos últimos anos. Con motivo da última campaña de Voz Natura, que promove a recuperación sostible dos terreos afectados, reflexiona sobre o que se debe facer no monte despois dun lume.

—Viu a zona que ardeu este verán?

—Fun facer algún percorrido. Vese que onde hai masas de frondosas, a zona arde menos. Se hai unha mancha pequeniña, o lume entra polos bordes e deixa ao mellor un pouquiño no medio sen queimar, pero se a mancha é grande, deixa un cacho amplo. Vese no caso de Teixadal de Casaio, que non chegou a arder por ese cortalumes natural.

—Que funciona en temos de prevención?

—O lume hai que previlo, porque cada vez son máis grandes. Hai menos xente no rural e déixase arder. Afecta tamén a falta de cultivos. Vese nas zonas de Lugo onde hai moita gandería, que xorden menos incendios. Onde se coida o monte non pasa isto, polo que hai que mirar que haxa xente no rural. Se aínda por riba se fan plantacións industriais á esgalla de pirófitas que arden moi facilmente, estase actuando ao revés.

—Como se podía involucrar cada quen de maneira efectiva neste problema? Que se lles pode recomendar aos veciños?

—Eu intento animar aos veciños para que coiden o castiñeiro. Polo menos, cada veciño debería ter un ben coidado, aínda que sexa para ter castañas para nós. Se cada veciño aprende a coidar un castiñeiro ou dous, xa se vai notar moito na paisaxe.

—Cales son os cultivos indicados para a recuperación forestal?

—O Courel foi sempre unha zona castañícola. É unha árbore moi produtiva que abandonamos. Se queremos que non arda tanto o rural, debemos ter esas árbores que son ignífugas e que, aínda por riba, cortan o lume, porque cando están coidadas son cortalumes. O castiñeiro só arde se está seco, non en verde.

—En que deberiamos insistir?

—Cada aldea debería recuperar un cachiño de souto, polo menos, para poder comer castañas. Hai que insistir nos cortalumes naturais a base de frondosas, porque se nos poñemos a plantar pirófitas e non somos capaces de conservar o bosque limpo, o perigo é evidente.