Chega á TVG a serie «O home perfecto», baseada en casos reais de estafas amorosas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG

A nova ficción de Voz Audiovisual céntrase en dúas mulleres de diferentes ideades que sufren este engano

21 oct 2025 . Actualizado a las 10:52 h.

A Televisión de Galicia estrea este martes 21, ás 21.45 horas, a súa nova serie de ficción O home perfecto, unha produción de Voz Audiovisual para a TVG baseada en feitos reais relacionados cos chamados estafadores do amor.

A serie debuta cunha dobre estrea en prime time, coa emisión dos dous primeiros capítulos: o primeiro céntrase na historia de Rebeca (interpretada pola actriz Alba Loureiro) e o segundo, na de Luísa (Elena Seijo). Trátase de dúas mulleres de xeracións distintas que caen na trampa do mesmo home, un estafador que lles fai crer que é o compañeiro ideal.

Con trece episodios cargados de tensión, emoción e misterio, O home perfecto afonda nas feridas emocionais, nas segundas oportunidades e nos enganos sentimentais. A serie foi presentada recentemente no Ourense Film Festival (OUFF).

Inspirada en casos reais, narra como certos individuos se aproveitan da vulnerabilidade emocional das súas vítimas para gañar a súa confianza e conseguir cartos mediante enganos.

Rebeca ten 35 anos e vive na Coruña. Tras liberarse dunha relación conxugal marcada olos malos tratos conseguiu refacer a súa vida. Co apoio de Nina, a súa irmá e avogada, e da rede que a arroupa dá un paso valente: acepta quedar cun home encantador que coñece por internet, alguén co que, por vez primeira, sente que pode empezar de novo.

Pola súa banda, Luísa anda polos 70 anos e vive nunha pequena vila costeira. Hai xa décadas que non fala coa súa filla e, logo da morte do seu marido, quedou soa. Tras reencontrarse cunha vella coñecida de infancia, Neves, decide conectar de novo consigo mesma e retoma a pintura, que levaba décadas sen tocar. Nunha visita a unha galería de arte coñece un mozo amable e falangueiro que chama a súa atención e interésase polos seus cadros. O que no sabe é que el vai explotar a súa soidade.

Rebeca e Luísa son mulleres fortes, aínda que feridas, e buscan, quizais sen sabelo, unha segunda oportunidade.

Entón aparece el, dun xeito diferente para cada unha. Na ficción, o protagonista presenta dúas identidades. Para Rebeca é Gus, un empresario atractivo cunha leve coxeira e unha historia conmovedora. Para Luísa é Leo, un marchante de arte vitalista e cunha sensibilidade exquisita. Conquístaas sen présa, con encanto e astucia ata convertirse en alguén imprescindible, un «home perfecto» feito á medida de cada unha.

Mais todo é mentira. O home é un depredador emocional e, cando logra o que quere, desaparece, deixando atrás ilusións rotas e contas de aforros baleiras.

Rebeca e Luísa non son as súas primeiras vítimas e non sabemos se van ser as últimas.

Xunto ás protagonistas, no reparto destacan intérpretes moi recoñecidos do panorama audiovisual galego: Adrián Castiñeiras, Desiré Pillado, Xabier Fonseca, Tito Asorey, Carlos Villarino, Andrea Varela, Marta Doviro, Patricia Torres, Trisha Fernández e María Costas, entre outros.

A serie está dirixida por Giselle Llanio e Lucía Estévez, e foi rodada en localizacións reais das cidades de A Coruña e de Sada.

O home perfecto consolida a aposta da TVG pola ficción galega de calidade, da man de Voz Audiovisual, unha das produtoras con máis traxectoria do sector.