A directora xeral da CSAG salienta o alcance da Televisión de Galicia pola súa estratexia en internet

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Lavandeira jr. / Efe

Afirma que a corporación audiovisual pública  está no seu momento  «de maior alcance, difusión e relevancia»

28 nov 2025 . Actualizado a las 18:40 h.

A directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), Concepción Pombo, apelou onte ao crecemento do impacto en redes sociais das contas que pertencen aos medios públicos galegos. Pombo respondeu con estes resultados a unha pregunta realizada en comisión parlamentaria pola deputada do BNG Alexandra Fernández, que salientou o descenso da cota de pantalla do 11 % no ano 2023 a un 7,7 % no pasado mes de outubro e afirmou que o 64,5 % da audiencia da TVG é xa maior de 65 anos.

Pombo explicou que a composición das audiencias cambiou drasticamente nos últimos anos coa chegada das novas plataformas sociais dixitais, o que fai que a CSAG estea no seu momento «de maior alcance, difusión e relevancia» grazas á súa estratexia na internet.

«Xa non estamos só nas televisións», sostivo a directora xeral, que pediu aos distintos grupos parlamentarios que deixen de «mirar a CSAG de 2025 cos ollos de mirar a TVG de 2008». Destacou, nese aspecto, as cifras de impresións dos contidos publicados en redes, os millóns de visualizacións dos vídeos e a subida nas interaccións e seguidores.

Respecto ás críticas polo envellecemento do público da TVG, a mandataria da CSAG dixo que a corporación non sofre de «idadismo», senón que «saúdan» á audiencia «de calquera franxa de idade, nivel socioeconómico e tipo de poboación». Contestou que «o que envellece non é a audiencia, o que envellece en Galicia e en España é a poboación».