MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ CINE
08 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Descoñezo a razón, pero case todas as películas de xitanos deben levar unha pinga de vinganza no guión para reafirmarse como tales. E o Gitano de Manuel Palacios non ía ser menos. Neste caso non son Montoyas e Tarantos pero o protagonista apelídase Heredia e viste a pel do racial bailarín Joaquín Cortés, que por suposto non baila. Resulta que pasou unha temporadiña no caldeiro pagando por un delito que non cometeu, e cando retorna ó Sacromonte granadino atópase con que a súa dona pegouse o piro con outro. Se consideramos que a tal non é outra que a moi proporcionada modelo francesa Laetitia Casta, non é de extrañar que a criatura caera na tentación. Ata aí a cousa non pode ser máis previsible por moito que o autor do guión sexa Arturo Pérez-Reverte. Abofé que todo está inventado no cine e que dar cunha historia orixinal case resulta tan raro como atopar un can verde, pero é quizáis a principal falla dunha película que funciona a tempo parcial. Hai secuencias moi dignas (a primeira media hora), fronte a outras moi tópicas (todas as da parella de policías corruptos ou mesmo co cabecilla do complot). Pero sobre todo a intuición de que o desenlace só podía ir na dirección que finalmente vai. Pode que unha virtude a destacar sexa o manexo da atmósfera e dos espacios, pois nese senso a trama consigue inducir ó espectador ata o mundo xitano, coas súas peculiaridades. A música tiña que ir a ton. Todo tan previsible como ese plano final do patriarca José Luis Gómez acobillado na noite e abrindo a súa faca de estralos para consumar a chamada do sangue...