MEMORIA DE GONZÁLEZ CARBALHO

La Voz

TELEVISIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

12 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Pouco antes do seu pasamento en Buenos Aires, viaxou a Galicia o poeta Xosé González Carbalho. Amaba o poeta a este vello país, porque recibira no fogar familiar ensinos sobre a súa historia e a súa lingua. Fillo de pais emigrados, quería coñecer, antes de finar, a terra onde estes naceran. Acompañámolo, en andadura sentimental polas terras do Val Miñor, na precura dos lugares onde estaban as raíces do seus ascendentes. Localizámolos en dúas aldeas daquela paisaxe. A emoción do poeta, ó bater con elas, foi indescriptible. A límpida e pousada palabra de González Carbalho volcábase sobre os novos amigos que compartiamos a descoberta sentimental. A súa presencia aportaba alí, sen erguer o tono da voz, unha lírica fineza, consustancializada coa contextura do ambiente. Coa singular linguaxe que lle era propia, revivía lembranzas de Galicia e de Rosalía ás que coñecera da boca paterna. Evocaba as paisaxes insinuadas, entreollas nas vagas ensoñacións dos días infantís. Comprendeu daquela e interpretou con marabillosa ternura, a lección adeprendida dos pais emigrados. As augas que, pola Ramallosa, se achegaba ó mar, parecíanlle como o borboriño vital, como a presencia da corrente do sangue herdado. A paisaxe miñorana, a pétrea imaxe da vella casa petrucial, embeberon de saudade a súa alma porosa, sensibilísima. Voltamos a Vigo, onde calexeamos de vagar por rúas e prazas da cidade. Contemplouna, admirado, o viaxeiro, desde os miradoiros do Castro e da Guía. Ó seguinte día visitamos os campos de Iría e o remozado fogar onde viviu e morreu a autora de Follas novas. Fondo de campás En Compostela, sintiuse o poeta impresionado polo aire que a define, polo feitizo das súas torres baixo as nubes rápidas. A cidade tiña para el todo o sortilexio dos poemas vedraños, armonizado sobre un fondo de inquebrantables campás. González Carbalho sintía ó país dos seus devanceiros dun xeito espontáneo, primordial, moito máis que sincero, orgánico. O seu amor era un amor piadoso, que remozaba, como a primavera, o terrón da procedencia. Cando, logo da súa viaxe, estivo de novo lonxe da paisaxe e do ceo galegos, reverdecíaos na lembranza. Añoraba velaiñamente, como pedindo con voz xorda o reintegro ás esencias da súa orixe. Volvían os ecos do seu Libro de canciones a Rosalía. Un libro de veta reflexiva e melancólica, no que confluían o sentimento íntimo e as rememoranzas do pasado, cun acento de doorida señardade. Eran estes seus versos onde a maxia vigoraba a mestura sentimento-musicalidade. Conservamos viva a memoria daquel home que coñecimos e leímos, transmitindo no propia voz o tono da poesía que soñaba e escribía. Un home sinxelo, amable, espiritualmente delicado, con aire de señorío intelectual. Cando a morte pasou pola súa porta, levou con el uns anos que parecen desaparecidos tamén. Quedaron, de calquera xeito, con Xosé González Carbalho, os seus versos delicados, poseídos de aguda saudade. A súa prosa tersa, celmosa, vital como dunha fruta. E a lembranza profunda da súa amistade, ó cabo.