Manuel Gómez: «Este ano será o da odisea do audiovisual galego»

X. M. PALMEIRO SANTIAGO

TELEVISIÓN

O novo presidente da Asociación Galega de Productores Independentes (Agapi), Manuel Gómez Santos, está convencido de que o 2001 será «un ano clave, o da odisea do audiovisual galego, a posta en marcha dunha verdadeira industria dos contidos».

08 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Será, desde logo, o ano do lanzamento da longametraxe de animación O bosque animado, unha producción de Dygra, a empresa que dirixe o novo presidente de AGAPI. A versión animada do texto de Wenceslao Fernández Flórez «levou catro anos de traballo a un total de duascentas persoas, sen contar músicos e actores, e ten un presuposto de 550 millóns de pesetas sen contar o lanzamento». Manuel Gómez asegura que o lanzamento contará cun disco con cancións orixinais, nomes importantes, videoxogos e publicacións de apoio. Segundo o novo presidente de Agapi, «estamos nunha situación inmellorable para que este sector se consolide». Precísase para eso a posta en marcha do Consorcio do audiovisual, con activa presencia da Xunta, e un plan financieiro axeitado. Velaí os dous puntos de referencia do Plan Estratéxico do Audiovisual Galego que será presentado o vindeiro mes de abril. Gómez fixo fincapé no feito de que os productos galegos «son competitivos e só lles falta o impulso para acceder ós mercados español e europeo». A nova directiva de Agapi -40 productoras agrupadas- á que Pancho Casal entregou o primeiro Goya dunha producción galega, está integrada tamén por Beatriz Legerén Lago (tesoureira) e Valentín Carrera González, Pancho Casal Vidal, Ramón Varela Salgado, Celestino Hermida, Marcos Gallego Fernández e Miguel Asensio Llamas (vocais).