Alfonso Costa, creador plástico
22 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A sala de arte da Xunta na compostelana Casa da Parra mostra a obra pictórica máis recente de Alfonso Costa (Noia, 1943), que el titulou «Memoria futura». Ós 31 cadros de gran formato sumoulles unha instalación, «Home atrapado», unha crítica ó ordenador, á televisión e á tecnoloxía «que nos engule, nos atrapa e nos volve amorfos». Reivindica a memoria «porque é o camiño recto entre a vida e a morte, e porque é coma un arquivo que está dentro de nós e que aflora cando del nace a creatividade». Alfonso Costa é debuxante, pintor, gravador, escultor, ilustrador e cartelista; e fai murais, instalacións e vidreiras. -¿Ten unha orde de preferencia expresiva? -Non, porque antes que nada, o máis importante, é a idea, ter a idea. Despois o debuxo vaise transformando. Cando fago o boceto para un cadro grande só son liñas, non hai color. Métome nel e penso no colorido, pero o trazo, o pincel ou o estado de ánimo obrígame a dar unhas pinceladas ou outras. Por eso o que importa é ter a idea moi clara, porque se complica cando queres decir moitas cousas. E hai que decir só o xusto e ben dito. -¿É fácil acomodarse? -Sempre estou en contra do acomodamento na arte, de repetirse a un mesmo para vulgarizala. O que interesa é a etiqueta, a personalidade de cada un, para que a obra perdure. -¿A diversidade da súa obra responde á demanda? -Non, non. Odio eso de estar á moda, de estar no mercado. Considérome creador antes que debuxante, pintor ou escultor. Cando pinto un cadro non penso que o podo vender. A necesidade de crear está por riba, e se pintara para vender tería que facer outros temas máis agradables. As veces, cando me gusta un, digo que o teño vendido. -Daquela, terá unha interesante colección -Non, porque ó final acabo vendéndoos. O caso é que hai obras que costa desprenderse delas, e moitas téñoas anos conmigo, pero porque non as vendes. A comercialización da arte fai que os artistas nos acomodemos, e moitas veces fannos entrar na roda do éxito. -Vostede parece ir por libre. ¿Sempre foi así? -Traballei cunha galería de Barcelona, Trece, pero tiña toda a liberdade. Estiven en manicomios e cárceres para pintar eses mundos, as vivencias que hai dentro. O máis bonito do mundo é a liberdade, que non é fácil, claro. E ós casi 58 anos non vou cambiar.