MIRO VILLAR, poeta
27 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Esta obra converteu a Cabanillas no Poeta da Raza. A edición de 1917 é, para Alonso Montero, o libro máis compacto da poesía civil galega porque non hai liña que non denuncie e non combata a miseria do noso pobo. Nace da súa politización ante as protestas e revoltas populares, con mortos, do Porto do Son, Nebra, Narón, Amio ou Sofán. É un libro político, que reivindica a liberdade para Galicia e fala do papel que Castela xogou na súa negación histórica. Xorde na época da síntese entre o agrarismo de Basilio Álvarez e Acción Gallega e o nacionalismo de Villar Ponte e as Irmandades da Fala. X. R. Pena sinala que en 1917 hai versos agraristas en Lume no pazo, exalta o combate no himno Acción Gallega ou denuncia a emigración en A traxedia das follas. Os dereitos asoballados do campesiñado están en A Basilio Álvarez ou Camiño adiante. Alén disto, traza un eido simbólico para a tarefa galeguizadora das Irmandades en Santos da nosa terra, con poemas a Rosalía, Curros, Pondal, Brañas e Murguía. En 1917 o poeta quere espertar conciencias. Ora atende as ideas do agrarismo, enxalza a aldea fronte á vila, o labrego fronte ao cacique. Ora, afirma a conciencia da identidade nacional galega. Nos poemas de 1926 hai só oito de febra cívica, como Sobredo, dedicado aos mártires da revolta labrega. De sentir nacionalista son ¡Meu carriño!, ¡En pé! ou Diante dunha cunca de viño de Espadeiro. Exclúe poemas agraristas e revisa e mellora textos anteriores como Rosiña, Rosa, ¡Probiña da tola!, que retrata o submundo marxinal, ou Tres amores, onde denuncia a inxustiza desde o intimismo. Emprega referencias bíblicas para ver nas coitas do país unha paixón cristiá contemporánea.