O escritor compostelán presenta en Bruxelas un libro de contos que ensaia novas técnicas narrativas En cuestión de sexo, o cabaliño do demo é un insecto escrupuloso. Antes de copular, perde o seu tempo en remover os xenitais da femia para limpar todo o esperma deixado alí por outros. Este comportamento tan soberbio válelle de excusa a Xavier Queipo para contar o perigoso que pode ser trasladar ó plano humano este tipo de hábitos. «O ladrón de esperma» é o último título de Queipo, que hoxe presenta en Bruxelas, e supón a volta do escritor compostelán ó relato, pero sen renunciar á experimentación literaria.
01 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.DOMINGOS SAMPEDRO BRUXELAS. Correspondente Baixo o título O ladrón de esperma (Xerais), Xavier Queipo presenta unha escolma de relatos que teñen como denominador común a experimentación coas formas literarias. O lanzamento do seu novo libro farao desde a librería galaico-portuguesa Orfeu de Bruxelas, cidade onde reside e traballa. Trátase dunha obra composta por cinco contos de recámara que foron fluíndo ó longo de vinte anos. En todo caso son anteriores no tempo a Papaventos, a novela que Queipo publicou o ano pasado e que aparece incluída na Biblioteca 120 de La Voz de Galicia. De feito, O ladrón de esperma xa colleitara no 2000 o premio Café Dublin de Narrativa. Daquela o xurado suliñara o carácter experimental da obra e a súa variedade de rexistros. Un dos contos, o que dá título ó libro, fala de como un científico Alexander Nyce vai transformando a súa personalidade á par que asume determinados aspectos do comportamento dos animais que investiga, o calopteryx maculata, o cabaliño do demo. Outro relato, Soño dunha noite de inverno, válelle a Queipo de punto de partida para tecer ata catro finais distintos, coma se se tratase dun soño reiterado e cíclico que se resolve dun xeito ou de outro segundo o día. A técnica que cineasta Quentin Tarantino desplegou en Pulp Fiction, empregada tamén polo mexicano Alejandro González en Amores perros, consistente en describir os mesmos feitos dende puntos de vista distintos, é trasladada por Queipo a O tío Filipe, onde relata a memoria dun suicidio familiar. Son, en definitiva, contos inconexos guiados «pola vontade de experimentación formal ou temática», comenta o autor.