Antón Riveiro Coello, escritor Aínda que xa publicara outros libros, «A quinta de Saler», finalista da décima edición do premio Torrente Ballester de narrativa, foi para Antón Riveiro Coello unha novela que iniciou o seu despegue literario. Construída arredor dun territorio histórico pero con moito de mito, o Couto Mixto, na raia entre Ourense e Portugal, a historia enfronta a dous autores que deben escribir unha novela alternando os capítulos e sen coñecerse. Riveiro Coello afonda na historia da que puido ser a primeira experiencia comunista en Galicia.
14 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) logra crear en A quinta de Saler un mundo literario accesible, atractivo e incluso mítico. -Hai obras da literatura que recuperan un territorio histórico ou mítico. ¿Era a súa intención no caso do Couto Mixto? -Cecais a miña única cobiza fose a recuperación ficticia dun territorio íntimo e familiar que me pertencía dun xeito xenético por liña materna, o territorio mítico que habitaron os meus devanceiros e no que dalgún xeito residía a miña patria pequena, a patria dos moitos vraos da infancia que pasei alí. -¿Que foi o máis atractivo do Couto Mixto? -Literariamente no Couto Mixto hai fariña para moito pan. O máis atraente desta pequena república independente eran os privilexios dos veciños que, para os manteren, rematou converténdoos nunha sociedade endogámica. A parte que máis tirou de min foi ese autogoberno e a utópica posibilidade de facer uso dese poder independente para implantar no século XIX a primeira experiencia comunista do país. -Creo que non era só unha cuestión histórica, senón que tamén procedía dos relatos escoitados na súa familia. -García Mañá recolleu a lenda dunha princesa preñada, desterrada na serra de Pena que, logo de ser asistida polos veciños, outorgoulles ás súas aldeas uns privilexios. Unha pequena variante desta historia, que fala da nacencia mítica da terra dos Mixtos, xa llela escoitara ós meus avós nesas noites de lareira mentres xogabamos á brisca. -A obra constrúese arredor da competición de dous escritores que escriben alternativamente unha mesma novela. Hai un forte elemento competitivo. ¿Por que? -A escrita dos capítulos, como no xadrez, está condicionada pola xogada-argumento do contrincante. E este é o elemento lúdico da novela que fai que eses dous escritores se vexan sometidos pola autoesixencia do seu prestixio. Ningún dos dous quere perder a partida e iso fai que amosen as súas mellores armas literarias. -Tamén é chamativa a obsesión que hai por coñecer a identidade do rival. -Nun sistema literario como o galego é doado coñecérmonos os autores, ben polo estilo, ben pola temática. Por iso, estes dous escritores tecen sospeitas sobre a autoría do rival e eles queren crer que o outro xogador é o mellor de todos.