«Esta novela é unha historia de ilusión»

Domingos Sampedro
DOMINGOS SAMPEDRO BRUXELAS. CORRESPONDENTE

TELEVISIÓN

Xavier Queipo, autor da obra «Papaventos» Francis, un protagonista. Chicago, unha cidade. A traducción, un oficio. «Papaventos» é, en palabras do seu autor, «unha historia de amor e de desposesión dos sentidos» que consagrou a Xavier Queipo (Santiago, 1957) no panorama da literatura galega. Queipo forma parte -xunto con Xosé Miranda, Ramón Caride, Marilar Alexandre e outros- desa vasta e fructífera xeración de biólogos que un bo día se meteron a narradores. E Queipo bótalle a culpa á natureza, a ese territorio no que se funden fábulas e pescudas científicas coma chocolate espeso, que vén sendo unha fonte inesgotable de historias para contar.

11 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai cousa dun ano, Xavier Queipo (Santigo de Compostela, 1957) deixou novamente Galicia para ocupar a súa praza de funcionario na Dirección Xeral de Pesca da Comisión Europea. Pero entre as brétemas de Bruxelas segue atopando cada día unhas horas para escribir e publicar libros polos que recibe premios como o Café Dublín narrativa. -¿De que nos fala en «Papaventos»? -É unha historia de amor e desposesión dos sentidos e, ó mesmo tempo, é unha historia de ilusión e celebración das sensacións. O tema central é a perda da visión por parte do protagonista. Pero o que perde por un lado, celébrao por outro. O olfato e o gusto exérceos a través das receitas de cociña; o tacto, mediante o amor; o oído, a través da música e a banda sonora da novela, que recolle uns 25 temas. -Unha novela para ler cos ollos pechados, daquela... -En certo modo si, penso que as sensacións son a parte máis importante, á marxe de estudiar a ambigüidade amorosa do protagonista, que participa de dúas relacións distintas. Pero a celebración dos sentidos e da propia vida son o núcleo duro de Papaventos. -¿Que lugar ocupa esta obra dentro da súa traxectoria literaria? -É unha especie de punto de inflexión, porque eu escribía dun xeito determinado ata chegar aí. Penso que entra un pouco na liña das anteriores, que parten dunhas ideas simples a partir das cales se monta toda unha estructura e se elabora unha temática, pero Papaventos é totalmente distinta. -¿É certo que está inspirada nun feito real? -O libro xurdiu dunha anécdota que lin na revista Paris Review , que se edita en Nova York, na que saía unha entrevista con Saramago cando lle deron o Nobel. Esa publicación contaba que o traductor ó ingles de Ensaio sobre a cegueira quedou completamente cego. Eu collín este punto de realidade e construín o resto, seguindo aquela máxima de Arquímedes de «dádeme un punto de apoio e levanterei a terra».