O mar é un misterio insondable. Poucos chegan a capta-la súa grandeza, moitos menos a poder retratala co pincel da palabra. O mar escapa á comprensión humana porque o home non está afeito a misterios tales. Só uns poucos homes, entre os que debemos salientar algunha das máis grandes figuras das letras, lograron achegarse a unha comprensión real do universo acuático. Melville, Conrad¿ xente con oficio que navegou primeiro polas masas oceánicas, logo pola vida e polo papel en branco, que non deixa de ser coma o mar: un misterio insondable. Entre os autores galegos que mellor souberon capta-la esencia última deste todo que nos asolaga, figura Xavier Queipo. O meu paisano, logo de compartir durante anos vivencias acuáticas retirouse ó mar do papel, e xa no folio en branco soubo reflecti-la grandeza daquelas outras augas. Dicía Melville que o mar exerce unha fascinación especial sobre o home. Só así se explica que xente de tódolos confíns sinta nalgún ou noutro momento das súas vidas a necesidade de velo. Estamos dispostos a camiñar longas distancias para ve-lo mar, ¿pero canto camiñariamos se só fósemos ve-la area? Queipo navega nun océano de pedra -Compostela-, a camiño entre a súa profesión e as follas baleiras. Agardemos siga enchendo ese mar branco coa tinta da súa vida, tan ligada ó mar. Só así poderemos alberga-la esperanza, auténtica e real, de chegar a desentrañar algún día ese misterio insondable. XAVIER MANTEIGA é escritor