Unha conversa tranquila

ISIDORO RODRÍGUEZ

TELEVISIÓN

18 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Filgueira Valverde foi un dos polígrafos, investigador, conferenciante, galegos, pertencente á xeración do Seminario de Estudos Galegos, do que foi cofundador. Ostentou varios cargos salientables dentro dos eidos da cultura e mesmo da política galega. O seu trato non por iso perdeu nunca o xeito de ser sinxelo, aberto e campechano, caracterizados polo seu carácter aberto e unha palabra fácil e amable, cualidades istas da súa personalidade que tamén transmite en toda a súa obra, sen ser unha excepción Quintana viva (1971). Obra esta onde a través de breves relatos nos recrea en temas populares dun xeito sinxelo e tranquilo, que transporta ó lector a un mundo vivido, facendo pasar diante dos nosos ollos escenas cun realismo e unha frescura, como se o autor nolo estivera contando diante dun café, nunha conversa distendida e tranquila, sen por iso deixar de abranguernos coa súa erudición respecto (non só a temas populares) a todo aquelo do que fala con gran causa de coñecemento. En Quintana viva , dende unha visión clara e concisa, vemos desfilar a vida e os personaxes da aldea, contados dende dentro o que nos fai integrarnos nas preocupacións do narrador mesmo, facéndoas nosas, resultándonos ás veces dificultoso separalas dos nosos sentimentos.