Das fonduras do ser

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

TELEVISIÓN

03 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Estamos ante un libro singular, ante un deses valiosos libros da nosa xeración que é necesario redescubrir. A materia lírica das páxinas de Entre o si e o non -máis nos apartados I e III- explicase no intimismo dunha tendencia metafísica de reflexión existencial. O propio título suxire palabras de Kierkegaard: «Non son nada; isto procúrame, a min e ó meu xenio, a satisfacción de conserva-la miña existencia no punto cero, entre o frío e o quente, entre a cordura e a estupidez, entre o algo e a nada...». O baleiro, a dúbida, a nada, a procura do eu, a esculca insondable do ser, a busca do senso da existencia, o esquezo, son aspectos fundamentais dos profundos logros líricos desta obra de Franco Grande. É importante a construcción da súa poética de instrospección cara á percepción da intimidade radical do ser humano, no que o pensamento piñeirano acomodaba as bases de partida da filosofía da saudade. A busca desa vivencia radical, como camiño para a intuición do ser, tamén leva ó poeta a percibir fondamente vivencias reflectidas en versos de Rosalía estudiados polo pensador galego. Marcada preocupación deixaríanlle, ende ben, as meditacións recollidas no ensaio A saudade en Rosalía acerca da «fondura abisal da intimidade, alí onde o ser do home comeza a condensarse nun vago latexo de sentimento, nun escuro sentirse a si mesmo». Sucédense no libro poemas espléndidos nese saberse «sempre a esbarar entre o si e o non... !». Se a súa poesía anterior xurdira dende motivacións externas, a que se comprende en Entre o si e o non mana do máis íntimo e se nos fai chegar nun ritmo e harmonía que atopan, polo xeral, acaída expresión formal en hendecasílabos blancos e heptasílabos, agrupados, non en estrofas clásicas, senón en series de dúas, tres ou catro liñas, cunha vaga sonoridade procurada ó remate do poema. En definitiva, con Entre o si e o non se nos entrega unha suxestiva poesía para pensar e sentir.