Un Macbeth «mafioso» desperta a temporada teatral en Galicia

Camilo Franco VILAGARCÍA

TELEVISIÓN

A proposta de Calixto Bieito co Teatro Romea levantou a polémica en Centroeuropa A versión sitúa a batalla polo poder nunha familia de «gangsters» dos anos setenta

10 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Calixto Bieito vai precedido da polémica. O director teatral advirte que a polémica é só unha anécdota das súas propostas e, sen embargo, cada vez que pranta a súa visión sobre algún texto clásico, o resultado inmediato son os titulares da prensa menos dada ós asuntos culturais. Con certo retraso, pero aínda fresca, vai chegar a Galicia a perspectiva que Calixto Bieito ten sobre Macbeth . A perspectiva, loxicamente, é contemporánea porque Bieito parte da idea de que o poder corrompe igual en todas partes e súa natureza é similar. Deste xeito, converte os moi monárquicos, dinásticos e políticos líos de Shakespeare nas loitas, igual de sanguentas, dunha familia de mafiosos indisimulada batalla polo poder. A opción do director é limpar as maneiras elegantes da corte e facer patente a crueldade que con tanta intensidade se deixa sentir baixo o texto shakesperiano. A crueldade, claro está, inclúe un repertorio de realidades, coa súa droga e co seu sexo. Debeu ser esto o que molestou a algúns austríacos espectadores do Festival de Salzburgo, tan dados a aplaudir en Aninovo, que levantaron das butacas mentres berraban «nein», que quere dicir non, pero non quere dicir Nunca máis. Espiral de violencia Situada nos anos setenta, mesmo con ese punto nada recatado das familias mafiosas de Scorsese, este Macbeth é para o seu director «unha historia sobre o poder e sobre o que estamos dispostos a facer para conseguilo». A explicación de Calixto Bieito é, parafrasenando, moi similar a aquela que advertía que os tempos cambian pero o poder permanece. E aínda que o director manobra na densidade dos británicos personaxes, finalmente, a parella formada por Macbeth e a súa singular esposa abren igual a espiral da violencia para se facer co control dunha banda composta por membros diferentes dunha mesma familia. Calixto Bieito pide que non se entenda o mal como algo excepcional e recorda que os personaxes de Shakespeare non son monstros de ciencia ficción. Tres días estará esta montaxe que abre calendario de grandes produccións en Galicia: do 31 de xaneiro ó 2 de febreiro. O primeiro día en Vigo e os dous seguintes na Coruña.