Luis García Montero (Granada, 1958), catedrático de Literatura Española na universidade da súa cidade natal, é autor dunha importante obra ensaística de reflexión e crítica literaria á que se suma o poemario La intimidad de la serpiente (2003). Non achamos grandes sorpresas nin cambios na súa proposta poética xa que o autor segue a tratar de facer unha poesía -desde a individualidade do suxeito poético- sumamente implicada na realidadade presente, contemplando a perspectiva histórica e tendendo pontes coa sensibilidade do lector que el quere un cidadán libre, lúcido e dono dos seus sentementos e actuacións persoais. De aí que poidamos seguir dicindo que a súa poesía xoga coas componentes de utilidade, realismo, verosimilitude e ficionalidade para crear os territorios da identidade persoal e colectiva. Instalado o poeta na súa madurez, reaxusta a mirada e adáptaa á nova vivencia, aí podemos ver cómo a semántica do tempo calla na voz que se enfronta ao transcorrer vital. La intimidad de la serpiente organízase arredor de seis bloques: Cuarentena (un só poema), Los conflictos del vocabulario, Las palabras del perseguido (Canciones), Cambios de piel, Los desnudos no son papel de plata (Canciones) e Pequeñas elegías infinitas . En máis dun aspecto este libro lembra a Las flores del frío, por canto que tamén aquí nas atopamos con que o poeta combina e alterna poemas longos e de reflexión con outros que denomina «Canciones». Cancións que teñen unha grande componente irracional e procedementos surrealistas, mitigados polo uso dunha linguaxe cotiá, e que conectan a práctica poética de Luis García Montero con autores da modernidade como Juan Ramón Jiménez, García Lorca e certo Rafael Alberti. Voz persoal Cuarentena é un poema que marca o ton e define o proceder do autor nesta altura da súa traxectoria vital e creativa. O mozo de vinte anos que contempla no retrato, atrevido e insolente, enfróntase ao home de corenta que paciente e comprensivamente encaixa os reproches que se lle fan e as feridas da idade, como nos é dado ver neste fragmento: «Con qué ferocidad y a qué hora importuna / salen tus veinte años de la fotografía / para exigirme cuentas. / En los ojos heridos por la luz / sostienes la mirada de mis sombras, / en el descaro de tus profecías/ desdeñas la lealtad de mis recuerdos, / en la piel transparente / anegas el cansancio de mi piel / y defines mis años por traciones». Aínda que fragmentariamente aparece en moitos outros momentos do poemario, vai ser nos tres poemas que compoñen a sección "Los conflictos de la voz onde nos mostre as cartas do seu poetizar: a poesía como conversación (Hölderlin dixit), diálogo persoal co seu tempo, coa época, e diálogo coa xente. Os poemas de Cambio de piel presentan a pegada do autobiográfico, o histórico, os desaxustes sociais e a maxia do literario que ficionaliza e transforma a realidade nunha mentira verdadeira. Por último, en Pequeñas elegías infinitas proxecta e fusiona o vivencial persoal coa memoria histórica, algo que, por outra parte, xa tiña practicado en poemarios anteriores. Sen se saír do seus ríos temáticos, con La intimidad de la serpiente García Montero profundiza nas canles e anchea as marxes do seu mundo poético, facéndonos partícipes da vivencia que acaba implicándonos; voz persoal que se pluraliza nas miradas lectoras.