A Feira do Teatro presenta o programa máis amplo da súa historia

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

03 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O escaparate da escena galega será este ano máis grande, máis variado e, na medida do posible, máis representativo. O programa da Feira do Teatro de Galicia foi presentado onte en Compostela con 29 funcións a celebrar en cinco días. O maratón escénico ten, segundo o seu director, Rubén García, a intención de «ofrecer toda a variedade que o teatro galego ten, coa incorporación este ano dos grupos de títeres e tamén a novidade de ofrecer unha intervención na rúa».Esta undécima edición da feira será a de maior número de espectáculos, 29, dos que 24 son de producción galega. Ademais de incrementar a participación das compañías galegas, a edición que comeza o próximo martes supón tamén o incremento de espectáculos de fóra de Galicia. Neste caso, o programa ofrece cinco representacións. Rubén García asegura que o maior número de compañías foráneas «permitirá ós programadores as contratacións directas». Indicou tamén que estas agrupacións chegan avaladas por numerosos premios.No capítulo de asistentes, está previsto que nesta edición da feira participen máis de 100 programadores, unha cifra que ven aumentando nos últimos anos e que se interpreta como o interese crececente polo teatro galego no resto da Península.García, que dirixe tamén a Mostra de Teatro de Ribadavia, considera que o programa da feira é esixente para os programadores porque «hai días con cinco e seis funcións e seguir ese ritmo» require un grande esforzo pola súa parte. As primeiras funcións de cada día comezarán ás 11 horas e as últimas terán lugar á 1 da madrugada, e entre todas ocuparán seis espacios diferentes da capital compostelana. Máis público Os responsables do Igaem, Amado Rincón e Aníbal Otero, sinalaron tamén que a consolidación desta cita co teatro permite «que ano tras anos vaia incrementándose a participación dos espectadores». Aínda que non está dirixida específicamente a un público amplo, o seu director sinalou a existencia dun «público fiel, que asiste ás funcións e que segue con moita atención as novidades que ofrece a feira».