Galaxia recupera a colección Illa Nova para dar saída a novas linguaxes

Concha Pino santiago

TELEVISIÓN

Os dous primeiros títulos son unha novela de Manuel Darriba e relatos de Camilo Franco A iniciativa editorial ponse en marcha co obxectivo de sacar textos que aporten outra mirada.

10 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A editorial Galaxia recupera a histórica colección Illa Nova como recoñecemento a unha xeración de autores que de 1957 a 1976 publicaron nela un dos catálogos máis importantes e prestixiosos da literatura galega. A nova etapa nace coa vocación de dar entrada a novas linguaxes e a textos que aporten unha mirada diferente e renovada, non só de autores novos, porque Víctor Freixanes avanzou que nela aparecerán obras como a traducción do Ulises de Joyce por Otero Pedrayo. O lanzamento da colección fano con dous títulos que teñen en común que os seus autores son xornalistas. Trátase dunha novela curta, Accidental , de Manuel Darriba, e de medio cento de relatos reunidos en Por conto alleo , de Camilo Franco. Carlos Lema, director literario de Galaxia, comparou a economía de medios e o rigor na escrita de Darriba coa nova narrativa americana e a clara influencia de Richard Ford. En calquera caso, asegurou que se trata dunha proposta orixinal e inédita no panorama literario galego. Situou os relatos de Camilo Franco no polo oposto, por canto son froito da inmediatez imposta polo proxecto do portal Vieiros de colgar un conto diario na rede, escrito a partir das mensaxes SMS dun concurso. Son, segundo Lema, «un manual de literatura de tódolos rexistros». O propio autor explicou que escribir os relatos foi un proceso divertido, e que responden a súa forma de entender o mundo, con afán de provocación e de desmitificar o papel dos escritores. Teñen en común a ironía, que para Camilo é «a lírica do futuro». O deseño da nova colección, de grande atractivo, é de Manuel Janeiro, que explicou algunhas das claves creativas, marcadas pola limpeza visual, que tentan manter o espírito co que Xoán Ledo deseñara a primitiva colección Illa Nova.