La Voz regala ás escolas 300.000 libros da Biblioteca Galega 120

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

KOPA

O xornal súmase con esta iniciativa á celebración do 17 de Maio O reparto enmárcase dentro da Semana das Letras do suplemento «La Voz de la Escuela»

12 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A mellor homenaxe para unha lingua e unha literatura é ler e coñecer as súas obras e aos seus autores. A Biblioteca Galega 120 foi unha iniciativa de La Voz que tivo por obxectivo achegar a todos os seus lectores unha xenerosa escolma do corpus literario galego a un prezo para todos os petos. Agora, os escolares galegos benefícianse de novo desta iniciativa porque La Voz está enviando a todos os colexios da comunidade exemplares da Biblioteca 120, ata completar o número de 300.000. Deste xeito, os alumnos reciben unha escolla do amplo abano cronolóxico e estilístico da literatura galega: dende os cancioneiros medievais ata autores contemporáneos como Manuel Rivas, Antón Riveiro Coello, Marina Mayoral ou Xavier Alcalá, pasando por clásicos consolidados: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Celso Emilio Ferreiro e Manuel Antonio son escritores que están representados na colección. Ademais, na Biblioteca 120 non falta o persoeiro homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, Xaquín Lorenzo. O volume titulado Os oficios recolle ese saber do pobo no que tanto pescudou o etnógrafo. Ao longo desta semana Esta iniciativa de La Voz enmárcase dentro da Semana das Letras que celebra o suplemento La Voz de la Escuela , que tamén promove actividades relacionadas co galego e a lingua entre os escolares. Son arredor de 1.700 os centros de ensino non universitario que recibirán os volumes, que xa se están enviando ao longo desta semana. Así, os escolares teñen ao seu alcance unha escolleita selección do máis importante da literatura galega para sumarse á celebración da festa das letras, lendo libros de narrativa, poesía, teatro e ensaio, xéneros todos representados na Biblioteca 120. Con este agasallo, preténdese que a mocidade teña unha vía máis de acceso á literatura galega a través dunha colección de libros que os pode levar a ampliar o seu coñecemento dos autores. Neste sentido, a Biblioteca 120 pretende ser para os rapaces unha xanela aberta ás letras, unha porta pola que acceder ás marabillas que atesoura a literatura. O suplemento La Voz de la Escuela tamén promoveu actividades relacionadas co xornalismo co gallo da celebración da Semana da Prensa, cun concurso periodístico no que participaron 7.500 alumnos de toda Galicia.