A revista «Grial» lanza «Cadernos» e un renovado Anuario de Literatura

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

27 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A editorial Galaxia reuniu na sede compostelá da Fundación Caixa Galicia a colaboradores, amigos e persoeiros da cultura e a política galegas na presentación do último número de Grial e de dúas publicacións periódicas máis que emanan da histórica revista e se renovan á par ca ela: os Cadernos Grial e o Anuario de Estudos Literarios Galegos. O director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, abriu o acto agradecendo aos lectores o crecemento experiementado por Grial , que, segundo dixo, triplicou tanto a tirada, que está en 2.760 exemplares, como os subscriptores, que nestes momentos chegan aos 700, coa aspiración de acadar os mil. Freixanes agradeceu a colaboración e o apoio nesta andadura de Caixa Galicia, que merca 300 exemplares da revista; do Ministerio de Cultura, que adquire cen, así coma o interés dos Centros Galegos no exterior. A meirande parte da tirada, arredor de 2.200 exemplares, son distribuídos gratuítamente ou pola vía do intercambio en universidades e centros no extranxeiro. A España posible Este novo número, o 164 de Grial , coordinouno o catedrático e historiador Ramón Villares Paz. Dedicado ao tema A España posible , fai unha primeira entrada no debate do reordenamento político do Estado, a reforma da Constitución española e o referendo da Unión Europea. É a primeira vez que Grial afronta de forma directa e con voces actuais e fóra de Galicia un debate destas características, segundo subliñou Ramón Villares, que anunciou que seguirá «porque é unha aposta de trasladar a Galicia o que está na axenda política actual». Os puntos para a reflexión e a análise están formulados dende perspectivas teóricas, como a que aborda José Luis Meilán Gil, que entre otras consideracións afirma que no Estado español subsisten os feitos diferenciais e que non se poden borrar, polo que é preciso afrontalos políticamente. A visión dende a política galega apórtaa Carlos Aymerich, e dende fóra faina explícita, nunha entrevista, Pascual Maragall. Os Cadernos Grial correspóndense co nadal do 2004. É unha homenaxe a Galeusca nos seus primeiros vinte anos de existencia. A publicación, que se reparte aos subscriptores gratuítamente con Grial , reúne textos de doce escritores galegos, vascos e cataláns coa visión doutras tantas maneiras de concebir ou soñar a construción do espazo urbano. Anuario A terceira das publicación é o Anuario de Estudos Literarios Galego, que inicia unha etapa nova, agora como Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos, da man da profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago e crítica literaria Dolores Vilavedra, que pasa de ser subdirectora a asumir a dirección. O anuario, que naceu hai dez anos dirixido polo profesor Xan González Millán, na Universidade de Nova York, para servir como plataforma e canle de difusión á investigación literaria galega, tamén renova o equipo de colaboradores directos, do que forman parte Xosé María Dobarro Paz, Manuel Forcadela, Helena González, Carlos Paulo Martínez Pereiro e Camiño Noia.