Don Quixote da Mancha fala en en galego nunha edición da Xunta

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

Os 4.000 exemplares de tirada irán a bibliotecas escolares e públicas Presentouse cunha lectura por alumnos da ESO no Instituto Rosalía de Santiago

21 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Don Quixote da Mancha fala en galego do seu mundo cheo de fastásticas aventuras. A Xunta de Galicia súmase á celebración dos catrocentos anos de vida da novela de cabalerías escrita por Miguel de Cervantes e publicada en 1605 coa edición en galego da obra. O volume de 894 páxinas foi presentado polo presidente da Xunta nun acto celebrado no Instituto Rosalía de Castro de Santiago, diante dun auditorio de alumnos da ESO que escoitaron moi serios á lectura de varios pasaxes da obra por parte de catro compañeiros. Fraga, que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Jesús Pérez Varela, e polo director do centro, Ubaldo Rueda, animou aos rapaces a ler na súa lingua unha novela que lles lembrou que foi escrita para entreter e divertir, «un libro especial, porque é un libro de liberdade e de amor». Recomendoulles entrar nel «con confianza e con alegría, con emoción, nos vos vai defraudar, veredes como vos abre inmensas posibilidades». A tradución, corrixida para adaptala á normativa actual, é a mesma que fixo en 1988 un equipo integrado por Valentín Arias López, Xela Arias Castaño, María Jesús Senín Fernández, María Xosefa S. Fernández, X. Antón Palacios Sánchez e Xavier Senín para unha edición ilustrada polos artistas galegos Laxeiro, Abelenda, Lodeiro, Conde Corbal, Alfonso Costas, Alfonso Sucasas, Moldes, Correa Corredoira, Lamazares, Virxilio, Alberto Datas e Leopoldo Nóvoa. Aquela versión, limitada a uns 300 exemplares, fora realizada por A Xuntanza-Boreal, que agora autorizou á Xunta para facer esta edición. Para ilustrar a portada elixiron un cromo popular de 1920 de Chocolates Amatller, que sacaron da páxina web do Quinto Centenario de Don Quixote. Existía, xa cando apareceu esta primeira tradución, o precedente de dous capítulos que traducira da obra cervantina Leandro Carré Alvarellos, que deu a coñecer en 1975 a Real Academia Galega. Orixes galegas O presidente da Xunta aludiu na presentación da tradución ás relación de cervantes con Galicia. Por un lado, tiña una relación de amizade co Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro e Portugal (1576-1622), que ademais foi o seu protector. Doutro, Fraga falou das supostas orixes galegas do autor do Quixote , porque os seus apelidos coinciden con topónimos galegos, e coa circunstancia de que o segundo, Saavedra, adoptouno Miguel de Cervantes cando tiña 50 anos, porque no século XVII só era obrigado levar o primeiro apelido. Das orixes galegas de fidalgo manchego falou o historiador Astrana Martín, como refire Fraga no prólogo da tradución ao galego, e tamén o fixeron Filgueira Valverde e Celestino Fernández de la Vega.