| O |
16 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.17 DE MAIO, Día das Letras, como tódolos anos. No mediático é unha festa, pero a realidade social confirma a distancia cos cataláns polo Sant Jordi, que ademais de vender libros a puntapala, os seus mercadores confesan lelos... Matices ambos interesantes. Esta columna non é o púlpito axeitado para profundar nas causas, pero si para xulgar o eco da festa nas televisións, que é moito na TVG e máis na TVE-G, aparte de que as xeneralistas soen facerlle un oco «cultural» nos informativos madrileños. O protagonista será Lorenzo Varela (que non gozará en vida de semellante sona por esa manía case necrófila da Academia...) e o seu nome estará na memoria. A autonómica, que pecha os informativos cun minuto dedicado aos libros, leva días glosando a vida e a escrita de Varela. Anacos dos seus textos e verbas dos autores que se ocuparon do homenaxeado en variadas publicacións. Iniciativa digna de eloxio. Como o Fiestra cultural da TVE-G. Pero tamén hai que recuperar a vella reivindicación dun espazo televisivo centrado na Literatura galega. TVE ten o moi aceptable Extravagario (La 2), pero Rioyo só entende de literatura en castelán porque Madrid non sabe de outras linguas. É hora deste espazo.