Madeira emocional

Camilo Franco

TELEVISIÓN

MIGUEL VILLAR

Crítica teatral | «O heroe», de Sarabela

16 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

«O heroe». Autor: Manuel Rivas. Directora:Ánxeles Cuña. Reparto: Fernando Dacosta, Nate Borrajo, Fina Calleja, Suso Díaz, Sabela Gago, Josito Porto, Tito Asorey, Elena Seijo. Como non tivemos revolución temos memoria. Ou quizais tivemos unha revolución tan calada, tan íntima que non nos enteiramos. En moitísimos sentidos, a nova montaxe de Sarabela e a estrea dramática de Manuel Rivas vai deso: revolucións cativas, cabronadas do destino e a memoria. Lonxe do que poida parecer argumentalmente, O heroe é unha peza intensamente inclinada ao emocional, inclinada a explicar a que tipo de labirintos emocionais conduce a falta de liberadade. Acaso porque as emocións non son constantes en ningures a montaxe sube e baixa un pouco pola escada da intensidade, afrouxando cando se alonxa do núcleo da historia. Define con habilidade aos personaxes cando se deixa enredar nos contrapuntos cun humor sinxelo pero que aclara con lucidez a madeira de cada quen. A nova montaxe de Sarabela traballa moito para reconstruír a circunstancia contra a que resiste o protagonista. Ten algo que ver con ese penalti que ás veces é o destino. A obra se comporta con audacia para levar aos espectadores a paisaxes pouco teatrais, asume algúns riscos de aparato ao tempo que tantea algúns elementos simbólicos para acompañar a unha liña que busca, en cada caso, o lado humano das cousas, antes que calquera outra consideración dun tempo cheo de ruído e de furia. No final, cando a falta de mellor definición reaparece o destino, a obra opta polo simbólico. Esquiva un efecto final, deixa de lado a posible catarse e utiliza un final lento, elíptico e narrativo. Cambia, en certo sentido, o discurso da obra porque pide unha reflexión final a unha obra que se move en case todos os seus minutos nos campos da emoción. A obra acaba como moitas historias: unha luz que se apaga para encender os ecos da memoria. ?