Xavier Alcalá entrevístase en Bos Aires con evanxélicos de Galicia que tiveron que exiliarse durante o franquismo. Contará a súa historia na novela «Unha falsa luz»
11 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Xavier Alcalá tense salientado como un escritor que presta as súas mans e a súa capacidade narrativa para desenterrar historias que agochan a esencia do ser galego. Por iso viaxou a Arxentina estes días, para contrastar in situ os feitos relatados na súa última obra, Unha falsa luz , que sairá do prelo nos vindeiros meses. A obra completa a triloxía Evanxélica memoria , na que se novela a historia dos protestantes galegos, unha minoría relixiosa perseguida e esquecida. Fala Alcalá de que é unha comunidade que tivo que soportar desde finais do século XIX «unha lousa de silencio», de aí que se decidise a erguer o penedo e darlle voz aos protagonistas desta realidade oculta cun relato de ficción que parte de testemuños próximos, e non tanto. Coa certeza de que «todas as historias de galegos rematan na Arxentina», a Alcalá levouno a Bos Aires o interese por fornecer o rigor histórico dos datos dos protestantes emigrados logo da Guerra Civil, ou máis ben exiliados por mor da relixión. Segundo comproba o autor estes días sobre o terreo, unha chea de galegos saiu cara a Arxentina no período 1940-1960 por razóns económicas, mais tamén relixiosas. Foi o caso, por ejemplo, de Juan Souto Acuña, ao que visitou estes días Xavier Alcalá. Seu pai houbo de pechar o seu estaleiro, ben coñecido no Sanxenxo do primeiro terzo do século XX, porque as autoridades franquistas lle complicaban a existencia ao saberse e declararse evanxélico. A historia de Souto, ateigada de anécdotas relativas á represión do culto non católico no franquismo, coincide coa que Alcalá conta na segunda novela da triloxía, Nas catacumbas . Dos sotos saíron moitos «herexes», como di Souto, para formaren unha diáspora relixiosa tinguida de galeguidade. Na casa porteña de Souto comparten escenografía unha foto de Baiona, a maqueta dun barco bautizado Combarro e os Evanxeos, que o protagonista predica nas comisarías da localidade de Munro. Nesa mesma poboación, ao norte do Gran Bos Aires, tamén se radicou Eduardo Cartea Millos, un vigués de 58 anos que exerce como pastor protestante na congregación que fundaron outros dous galegos no 1956. Cartea é neto de dous evanxélicos do sur de Galicia dos que Alcalá dá boa conta na súa obra. Xa que logo, o círculo xeracional péchase en Bos Aires, que é unha segunda casa para o autor. Crónicas e historias Alcalá leva máis de trinta anos ligado a Arxentina. Escribiu crónicas ( Arxentina, Viaxes ao país de Elal ) e narrou historias galegas na Patagonia ( Nos pagos de Huinca Loo, Latitude austral ). Son mostras que revelan o fráxil dos lindeiros físicos e mentais, os mesmos que o autor trata na primeira novela da triloxía, Entre fronteiras . Na Arxentina, como está comprobando o propio Alcalá, os evanxélicos galegos nunca foron tratados como seres extraños pola súa relixión. De feito, tiveron que cruzar o Atlántico para sentírense libres e confesárense «crentes tranquilos». Do traballo de campo desenvolvido esta semana polo escritor galego, o que máis lle sorprende é «a vitalidade e a sáude» de todos aqueles que pasaron por vicisitudes extremas ao longo das décadas. Do resto xa viña aprendido, e só tivo que certificar, cara a cara, a incrible historia destoutro colectivo de emigrados, ou exiliados, descoñecido para a gran maioría dos galegos.