O prazo de admisión de traballos remata o vindeiro día 22 O gañador recibirá 6.000 euros e o texto publicarase no xornal durante todo o mes de agosto
03 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Por sexto ano consecutivo, La Voz de Galicia e Canal Voz convocan, coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, o Premio de Novela por Entregas. Dotado con 6.000 euros, ofrece ademais ao gañador a oportunidade de ver o seu texto publicado durante o vindeiro mes de agosto nas Páxinas Literarias do xornal, así como na súa edición electrónica. O prazo de admisión de traballos remata o vindeiro día 22 de maio. No sexto Premio de Novela por Entregas poderán participar todas as persoas que presenten unha novela inédita e que non opte a outros concursos, escrita en idioma galego, que conste de 31 capítulos destinados á súa publicación diaria ao longo de todo o mes de agosto do 2006. Cada capítulo terá exactamente a mesma extensión, que se fixa en 3.500 caracteres, con espazos incluídos. As obras presentaranse por triplicado, impresas a dobre espazo e por unha soa cara. Os orixinais faranse chegar a «6.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio de Novela por Entregas). Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón 15142 Arteixo (A Coruña)» polo sistema de plica cerrada, introducindo nela os datos do autor que permitan poñerse en contacto con el no caso de resultar finalista. As demais plicas permanecerán pechadas e os orixinais que non sexan reclamados no prazo dun mes a contar desde o momento do fallo serán destruídos. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto deica o vindeiro 22 de maio, e o xurado, designado pola organización do premio, darase a coñecer conxuntamente co seu fallo, que será inapelable e que se fará público o 13 de xullo do 2006. Formato de libro O único premio, que estará dotado con 6.000 euros, leva aparellada a publicación da novela en La Voz de Galicia ao longo dos 31 días do mes de agosto deste ano e, simultaneamente, a súa aparición na páxina web (www.lavozdegalicia.es). Establécese tamén como anticipo dos dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora para o caso de que sexa La Voz de Galicia quen a publique en formato de libro dentro do ano 2006. Noutro caso, o autor quedará facultado para negociar a edición libremente. Desde que no verán do 2000 apareceron as páxinas literarias e, con elas, a recuperación histórica da novela por entregas, un moi importante número de escritores galegos apostaron por asumir este formato que confire ás obras un ritmo vivo moi atractivo para os lectores. Logo da experiencia inicial de O xabaril branco , de Tucho Calvo, con ilustracións de Miguelanxo Prado, comezou a convocarse este concurso que gañaron sucesivamente Marilar Aleixandre con Unha presa de terra , Miguel Suárez Abel con O repenique de Beatriz Goldar , Xosé Antonio Perozo con Caderno de Riparia , Ángel de la Cruz con O descenso do derradeiro ocaso e Carlos Freire Cordeiro con Acio sanguento . Os textos publicáronse ilustrados por Abraldes, Norberto Fernández, Matalobos e David Rubín e de novo Abraldes, respectivamente.