? última noite do Festival de Ortigueira foi, musicalmente falando, a mellor das catro da cita celta. A máis variada e, en moitos sentidos, a máis sólida, mesmo a máis variada se incluímos no programa o concerto da tarde no teatro da Beneficencia. O tempo é un socio complicado para iso da maduración. Dez anos de Berrogüetto e algo máis de 30 para Gwendal. Escoitando Ortigueira, semella que os galegos aproveitaron mellor o tempo que os bretóns. O terzo de Berrogüetto que son Guadi Galego e Guille Fernández abriron un espazo inusual en Ortigueira: un espazo no que non é preciso escoitar cunha cervexa de mediadora. Hai días, mesmo no medio do paraíso poshippie , nos que se agradece poder escoitar. Repaso de Espido e concerto case familiar: falangueiro e próximo. Berrogüetto marchou noutra liña. Por máis que a súa música estea adobiada con matices pouco festivaleiros, a banda foi das poucas que levantaron a temperatura da praza sen butacas de Ortigueira. Intercalando o repertorio recente de 10.0 e mais as pezas coñecidas do público celta, amañaron a noite, deron altura e, sen saírse moito das marxes, deron aire a sonoridade resignada do folk dos últimos anos. Máis ou menos sorpresivos foron os irlandeses de Four Men and One Dog. Comezaron como unha banda tabernaria: eufórica, directa e sudorosa. Soando ben e cañera. Acabaron con inclinación roqueira, non sei se para demostrar que tamén hai algo folki no rock ou por darlle unha brasa diferente. Gwendal soa como hai trinta anos. Non ten por que ser malo. É só que hai trinta anos o panorama musical era máis condescendente con algúns experimentos. O paradóxico do grupo bretón é que a parte que se lles quedou atrás non é aquela directamente folk. Por aí conservan o vaivén. É pola outra banda, eléctrica, pola que a banda amosa máis o malo dos anos. Nos setenta o asunto entre o rock progresivo e o jazz rock permitía certas alegrías expansivas, teclados inacabables ou guitarras pouco dadas ao melódico. Eran tempos. O rock e o jazz se desfixeron desas influencias. Gwendal non. Festival de Ortigueira. Noite do domingo. Galego & Fernández, Session A9, Berrogüetto, Four Men and One Dog, Gwendal.