A Academia Galega amosa a súa historia en máis de 400 obxectos

Rodri García A CORUÑA

TELEVISIÓN

EDUARDO

Na exposición inaugurada onte poden verse desde as gafas de Castelao ata pelo de Rosalía «Non creo nos discursos negativos arredor do presente e futuro do galego», afirmou Touriño

17 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

«Facer posible unha exposición que lle manifeste ás galegas e aos galegos a forza da nosa palabra, o camiño recorrido pola fala a través dos séculos, dende a Idade Media ata hoxe e facelo con textos vivos, coas obras canónicas da nosa cultura que son as que foron marcando o roteiro da nosa presenza no mundo». Este era o soño que Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dixo levar nos seus miolos ata o día de onte, cando esa mostra se inaugurou na Fundación Caixa Galicia da Coruña, un acto que contou coa asistencia do presidente da Xunta, varios conselleiros e unha ampla representación do mundo político e cultural galego. Máis de 400 obxectos amosan esa historia, para conmemorar o centenario da Real Academia Galega, e fano con textos autógrafos dos principais autores galegos e con obxectos tan simbólicos como as gafas de Castelao, a mesa-camilla de Ramón Piñeiro -«con braseiro e todo», apunta un dos organizadores- ou o caxato no que se apoiaba Ramón Otero Pedrayo. Despois de salientar a importancia da fala, Barreiro referiuse aos «símbolos xa socializados, que forman parte da vida cotiá e que aparecen expresados en vellos pergameos, en mapas descoñecidos, en camisetas deportivas, en nomes de clubs, nas botellas de ron e de xerez e en paquetes de cigarros». É chamativa a presenza nesta mostra das camisetas dos equipos de fútbol do Celta e do Deportivo, ademais da do Breogán, nomes vencellados a historia galega, de feito, o académico Ferro Ruibal lembraba: «É curioso porque o celtismo naceu na Coruña, onde estaba a Cova Céltica, mentres en Pontevedra a idea era que viñamos dos gregos». E coa patria e a fala, afirmou Barreiro, «os grandes creadores, os construtores de soños que fixeron da fidelidade a Galicia unha relixión; sobre esas mesas que contemplaredes, mesas de madeira do país, construíron palabra a palabra e verso a verso unha lingua literaria, deseñaron o noso futuro, tiveron cen utopías e con eles foise agrandando o prestixio e a gloria de Galicia». Sobre a fala, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que non cree «nos discursos negativos e sobredramatizados arredor do presente e do futuro do galego». «Nin creo tampouco na súa conveniencia para a causa que defenden, pois poden suscitar reaccións moi diferentes das que buscan o mesmo xerar novos estigmas, de carácter ideolóxico e político, que dificulten a normalidade do galego», concluíu. Máis información no suplemento «Culturas» que se publica hoxe.