Nas letras galegas conviven historias dunha páxina con novelas de máis de setecentas Os autores afrontan os pros e os contras da brevidade e a extensión como marco das obras
07 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.¿Que diferencia a unha historia resolta en seis ou sete frases dunha que se estende ao longo de seiscentas ou setecentas páxinas? ¿Sacrifica a brevidade a profundidade pola expresión? ¿Ou xa non é posible que o lector actual, a diferenza do do XIX, xa non admite novelóns? Son cuestións que aparecen cada vez que os escritores abordan a cuestión do tamaño, un debate tamén presente na literatura galega. Ambas propostas coinciden no tempo: Camilo Franco reúne en Palabras contadas un cento de historias de menos dunha páxina, mentres que Manuel Rivas chegou ás 752 en Os libros arden mal e Lois Diéguez supera as 600 en O canto do muecín , de próxima aparición. Este autor ambienta na súa obra nunha viaxe dun grupo de galegos a Siria, na que descobren moitas cousas sobre o país, alén dos tópicos, e ademais, sobre si mesmos. É precisamente esta complexidade psicolóxica dos personaxes a que busca Diéguez e que necesita desenvolverse ao longo das páxinas: «Quero ser rico na novela e necesito profundizar para aprender e que o lector saque as súas conclusións». Con respecto ao papel do lector, Diéguez rexeita a idea de que se tende a ler pezas breves debido a unha percepción fragmentada da realidade á que non é alleo o predominio da imaxe. Sobre os lectores e a súa preferencia pola brevidade ou a amplitude tamén opina o escritor Bieito Iglesias: «Hai moito sprinter entre os lectores contemporáneos, pola velocificación presentista, o sofico dos textos -a pantalla cansa a vista- e certo infantilismo típico dos nenos hiperactivos pouco dados á concentración. Tamén existen lectores (máis ben lectoras) que gustan do romance extenso, da grande evasión. En xeral, o amigo da narración curta está encantado de coñecerse mentres o adepto da longa duración é un escapista fatigado de si propio». Certames especializados En Galicia xa se convocaron certames especializados en narrativa breve, como un convocado en Chantada que limitaba a extensión a 33 palabras ou o que organiza a Lonxa Literaria de Moaña. María do Cebreiro foi xurado na última edición deste galardón e aceptou pola súa simpatía coa brevidade, aínda que advirte de que a literatura «non se mide ao peso». A poeta evoca a figura da «ánfora rota» para explicar o seu gusto pola fragmentación: «Algo que se nos dá, que chega dalgún lugar que non coñecemos». María do Cebreiro tamén asocia a concisión á «falta de pretenciosidade» e cre que moitas veces a literatura «peca de solemnidade e grandilocuencia». A autora ve na brevidade unha conexión co tempo contemporáneo. Tamén sinala que existe un «complexo herdado» cando se fala de escribir a gran novela galega e se asocia á extensión. «Hai que buscar xéneros menos acomodados», afirma.