A historia dunha adolescente sudafricana rodeada de violencia gaña o festival de Tui O xurado realizou dúas mencións especiais para unha historia africana e outra arxentina
25 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O documental é un xénero infeliz porque a vida o fixo así. Play-Doc rematou onte premiando maioritariamente un tipo de películas nas que se contan algúns dos billóns de problemas do mundo contemporáneo. África pesou no festival e na entrega de premios de onte. A longametraxe gañadora, The Mother's House, foi sinalada como unha historia conmovedora e sutil fronte a unha historia brutal e complexa e levou os 3.000 euros do premio. A historia de Miché atravesa case todas as capas dos conflitos que se poden dar na Sudáfrica post- apartheid . É muller, adolescente, cun ambiente familiar violento e un entorno social convulso. É difícil crecer con iso, pero o documental dirixido por François Verter non enfoca a problemática social ou a perspectiva da violencia nun territorio complicado. En realidade, e como salientou o xurado, a intención do documental e conmover aos espectadores cunha mirada sutil «nunha historia complexa, inzada de ira, odio e tenrura». O xurado desta terceira edición do festival tudense sinalou dúas longametraxes máis con mencións especiais. A primeira delas, Sister in Law, explica as dificultades e as actitudes das mulleres, xuíces, fiscais ou avogadas, que están traballando en Camerún e que, entre outras cousas, conseguiron condenas para maridos que pegaban as súas mulleres. Condenas incluso con matrimonios musulmanos. A longa, dirixida por Kim Longinoto e Florence Ayisi, explica a nova actitude das mulleres do país centroafricano desde tres casos diferentes de malos tratos. A segunda película mencionada polo xurado foi An Ordinary Family, do sueco Fredik Gertten. Conta como unha familia común arxentina queda atrapada polo corralito.