Xesús Rábade Paredes gaña o Premio Blanco Amor con «Mentres a herba medra»
TELEVISIÓN
A partir de agora vai usar teléfono móbil. Polo menos iso asegurou onte un Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) moi contento despois de recibir o premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, que se fallou en Cedeira. O escritor da Terra Chá atopábase en Mondariz pola mañá cando o chamaron ao móbil da súa muller para dicirlle que a súa novela Mentres a herba medra era a gañadora da 25.ª edición do premio, organizada polo Concello de Cedeira. A decisión foi tomada por maioría dos cinco membros dun xurado presidido por Darío Villanueva, que valorou sobre todo «a vontade estilística e mais a actualidade do tema desenvolvido» polo autor. Tamén salientaron que na obra gañadora tratábase unha temática «urbana e cosmopolita, claramente galega». Villanueva salientou que o autor, «que habitualmente é máis coñecido como poeta que como narrador», fai nesta novela, que será a terceira que publique, un uso «magnífico da lingua galega». En canto á trama, o autor conta unha historia vencellada a unha familia pero con moitas implicacións culturais, estéticas e políticas. O galardón literario está dotado con doce mil euros e a publicación da obra gañadora. Despois de recibir o premio, nun acto de entrega que tivo lugar na Casa Consistorial de Cedeira, Xesús Rábade confesou sentirse moi contento e foi moi breve na súa intervención: «Todo escritor busca a complicidade do lector» e dedicou o premio á súa muller e aos seus fillos (a súa filla, María do Cebreiro, tamén é escritora). Tivo así mesmo palabras de agradecemento para os membros do xurado e para os asistentes ao acto, xentes do mundo da cultura, como o presidente dos escritores galegos, e representantes da Xunta, da Deputación e de distintas institucións. Os organizadores desta edición lograron que o número de concellos que participan neste premio aumentara un terzo, pasando a ser 76, cada un dos cales aportou 360 euros, xa que todos contribúen coa mesma cantidade. Ademais, a Fundación Caixa Galicia patrocinou a entrega do galardón. Como é habitual, antes de rematar o acto tivo lugar o sorteo para escoller o concello que organizará a próxima edición do premio. Foi elixido Moeche (que curiosamente ten un alcalde natural de Cedeira), sendo o primeiro suplente Lugo, e o segundo, Moraña.