«Hoxe as novelas serven para reflexionar sobre a realidade»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro REDACCIÓN

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

Narrador de longa traxectoria, e ao mesmo tempo poeta e ensaísta, ademais de tradutor, a súa escritura bebe desa fonte de literatura que é a súa paisaxe natal, a Terra Chá luguesa

30 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?esús Rábade Paredes (Cospeito, 1949), autor de títulos xa clásicos como Branca de Loboso , nos que a prosa navega tanto polas sombras da indefensión e da dor, publicará nas próximas semanas na editorial Galaxia, Mentres a herba medra , a novela coa que vén de gañar o Premio Blanco Amor. -¿Cara onde camiña hoxe a súa literatura? -Vai ao fío da contemporaneidade. Ten un tema permanente: a crise de valores. -Que está a cambiar o mundo, ¿ou non é así? -Si. Pero eu creo que non o fai para mal. Porque os que coñecemos como valores tradicionais occidentais non teñen por qué ser permanentemente defendidos. Non son imprescindibles. Os nosos fillos, hoxe, aínda que os acusemos de carecer de referentes, posúen outros referentes que non son os nosos, e non temos por qué tratar de impoñerlles a nosa identidade. Identidades, eles, deben crear as súas. No país e no mundo. Aos rapaces acusámolos moitas veces de maneira inxusta, porque entre os novos hai unha emerxencia de valores que nos pasan desapercibidos. -¿Por exemplo...? -Os valores humanos entendidos en toda a súa profundidade, como a aposta pola paz e pola solidariedade, ou toda a defensa da ecoloxía. Eu levo 28 anos no ensino, e podo dicir que as nosas propostas, as nosas referencias, non lles valen, que é algo que non di case ninguén. -E todo iso está na súa novela, naturalmente... -Si que está. Na novela interactúan tres xeracións: avós, pais e netos, que teñen visións da realidade diverxentes... aínda que tamén complementarias. Ademais, está moi presente a música. O jazz, que anda incluso na estrutura do libro. E hai tamén certa reflexión sobre o propio proceso creativo, que é de permanente ensaio na aproximación á realidade. -Neste tempo novo, ¿para que serven as novelas? -Hoxe as novelas serven para reflexionar sobre a realidade. Cada vez máis. Temos que ensaiar novas maneiras de contar. E esa é unha das pretensións de Mentres a herba medra , novela na que conflúen múltiples narradores ao tempo que múltiples perspectivas da realidade. -Vostede está casado cunha escritora, Helena Villar Janeiro. E é pai doutra, María do Cebreiro. E tamén dun músico, Abe Rábade. Unha familia especialmente creativa... ¿non? -Nas familias o que se crea é un clima. No noso caso, primeiro foi de liberdade. É algo que María e Abe nos agradecen sempre. Aos novos hai que deixarlles optar, non impoñerlles nin os nosos criterios. Hai que permitirlles que elixan o seu destino. E iso non é malo. Porque os rapaces non son tontos, e ao cabo, se ven algo de válido ante si, acaban por aceptalo. Se non é así, rexéitano. ¡Á fin, o futuro é unha herdanza que lles pertence a eles...!