Media entrada e algunhas nubes recibiron a primeira sesión do Festival do Norte que finaliza hoxe en Vilagarcía de Arousa. O repaso da escena indie peninsular espertou a media tarde coa presenza do grupo coruñés Triángulo de Amor Bizarro, que baixo a carpa de Caixanova abriu contundentemente unha noite que habería de volverse un pouco máis melódica co sucederse dos grupos. Tras a penúltima promesa da música independente galaica, actuaron grupos con compoñentes que en algún momento participaron dunha banda que hoxe pode ser considerada mítica, Surfin' Bichos. O terceiro dos proxectos musicais de Fernando Alfaro, que actuaba á hora de pechar esta edición, acompañado dos Alienistas deixou a noite un pouco lonxe da enerxía que utilizaba aquela banda famosa nun tempo no que o indie aínda non era unha etiqueta. Triángulo de Amor Bizarro conseguiu manterse fiel a esa forma enerxética de tocar que fai que escoitar as letras sexa o menos importante. Festival do Norte.