Airear o artefacto melódico

Camilo Franco

TELEVISIÓN

19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Demasiado frío para tanto artefacto melódico. O Festival do Norte tivo unha segunda e última sesión marcada polo pop sureño, Granada e arredores. O contrapeso do aire da serra tiña acento galego, pero case aínda non soara ao peche desta edición. Un pouco de retraso, un pouco de vento norte e algunhas guitarras deixaron a tarde marcada e fiel ao concepto tranquilo que este ano manexa o festival de Arousa. Baixo a carpa da tarde destacou o Ectoplasma de Nicolás Pastoriza, quizais o mellor integrado de todos no permanente presente dos sesenta. O grupo que ven sendo a cara b de Los Planetas repasou case todos os seus tics melódicos, xogueteou co galego e aínda lle quedou tempo para utilizar un megáfono como filtro de voz para o seu solista. Por fin algo de contundencia. O Grupo de Expertos Solynieve soan como planetarios, pero un pouco más sureños. Do sur de California ou por aí. Sr Chinarro rompeu algo o edén melódico sudista. Arrancou anunciando que xa había portas no campo, como un Paco Ibáñez suavemente electrificado. Despois remontou desalambrando con calma algúns asuntos de a diario e outros que fan fronteira con asuntos que hai corenta anos serían protesta. Melódico non sonou, pero melancólico si. Debe ser estigma xeracional, signo dos tempos ou vocación de poeta amarrado a unha guitarra por máis eléctrica que sexa. A pesar de todo, de que por fin a alguén se lle entendían as letras e do limitado do tempo, o paso de Luque polo Norte resultou monótono, incluso con ese aire sureño que tan ben converteran Los Brincos en melodía racial. E xa que estamos cos Brincos, Lori Meyers volveron colocar a noite no territorio das guitarras aplacadas. Como vivimos en permanente revival a opción de Meyers é tentar colocarse na centro máis amable da utilización de sons sen necesidade de reinterpretación. Seguro que a Juan Pardo non lle molesta que uns rapaces tan novos recuperen o que el abandonou.