?a sei que estamos sobrados. Que somos unha potencia cultural e non damos feito. Supoño que, polo tanto, podemos permitirnos algúns luxos e non evitar coincidencias nas programacións. Hai que tomalo con alegría porque para iso somos a primeira potencia cultural do noroeste peninsular. Non hai máis de quince quilómetros entre Redondela e Cans. Salvo polo folclore agropop do glamur cinematográfico non hai tanta diferenza entre un festival de curtas e outro de marionetas. Quero dicir se nos atemos ao importante, ás historias que contan. Por iso non parece moi axeitado que dúas citas salientables da axenda cultural do país coincidan na mesma fin de semana. Tampouco é a primeira vez que pasa. O Festival de cine de Ourense e Cineuropa van polas mesmas. E por máis que cada organización teña as súas razóns, desde o punto de vista dos espectadores non vale. É luxo só. Prohibido dedicar Hai un vicio que se estende no audiovisual de Hollywood a Cannes pasando pola primeira potencia cultural do noroeste peninsular. Esa manía de dedicar os premios. Pasa nos Mestre Mateo e nos María Casares. Poñamos que é a parte menos espectacular do mundo do espectáculo e que queda como se na casa do ferreiro houbese culleres de pau. Coinciden no calendario as exposicións dedicadas a Tamara de Lempicka e André Masson. Temos tendencia a facer iconografía igualitaria con todo e, sen embargo, hai unha distancia maior que a que vai de Cans a Porriño entre a pintura atormentada de Masson e o refinamento esteta de Lempicka. Case a mesma distancia que vai da necesidade ao luxo. Se queres facer algún comentario, podes entrar na páxina web www.lavozdegalicia.es ou escribir ao enderezo electrónico camilo.franco@lavoz.es