Conserva uns 100.000 falantes repartidos entre Chile e Arxentina Unha representante política coñece experiencias coa Mesa pola Normalización
02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Celestina Carilao, representante do partido Wallmapuwen (Compatriotas do País Mapuche) coñece experiencias realizadas para a recuperación do galego, coa intención de poder aproveitalas para traballar en prol do mapuzugun, o idioma autóctono do seu pobo, que conserva uns cen mil falantes repartidos entre Chile e Arxentina. Carilao mantén contactos coa Mesa pola Normalización Lingüística, aínda que tamén se reuniu coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e con especialistas como o profesor Xosé Ramón Freixeiro, da Universidade da Coruña. Carlos Callón, presidente da Mesa, afirma que para esta organización é importante ser considerada como referente internacional. A situación das dúas linguas é moi diferente, segundo indicaron ambos, aínda que hai coincidencias. O mapuzugun é falado por menos da metade da poboación, non ten recoñecida unha ortografía e está a ser conservado sobre todo polas persoas de maior idade, con problemas para o seu coñecemento polos máis novos, en parte porque non se ensina suficientemente nas escolas. Celestina Carilao, que é de nacionalidade chilena, afirma que se promove unha educación básica intercultural bilingüe, moi folclorizada. A demanda polo idioma vai a máis, aínda que é moi recente, acrecentouse. No partido que representa están convencidos de que a situación irá para mellor. Carilao visitou con anterioridade o País Vasco e Bretaña. Carlos Callón manifestou que a representante mapuche indicou que se trata de pobos negados con linguas negadas que reclaman o dereito a seguir existindo. A Mesa pola Normalización Lingüística ofreceu explicacións a esta representante do partido Wallmapuwen sobre as organizacións que ten repartidas en zonas do país, a Fundación Vía Galego, a Mocidade pola Normalización e outras estruturas coas que traballa. Carlos Callón valora que a situación do mapuzugun pode aproveitar iniciativas galegas como a das Irmandades da Fala, da segunda década do século pasado. Celestina Carilao manifestou a intención de manter relacións fluídas no futuro e unha retroalimentación mutua. A Mesa publicou en maio un documento que divulga a situación lingüística do país mapuche.