Concha Blanco gaña o sétimo Premio de Novela por Entregas de La Voz

la voz | redacción

TELEVISIÓN

César Quián

A escritora de Cee é unha das máis coñecidas autoras de literatura infantil e xuvenil

12 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

É unha historia de intriga, pesadelos e aparicións repartidas por 31 entregas breves a xeito de capítulo. Habitación 202 é a novela gañadora da sétima edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Concha Blanco é a autora desta historia que aparecerá ao longo de todo o mes de agosto nas páxinas de La Voz de Galicia. Concha Blanco é unha veterana das letras galegas. Nacida e moi ligada a Cee, conseguiu especial recoñecemento no territorio da literatura infantil e xuvenil, con obras polas que foi finalista de galardóns tan salientables como o Merlín e o Edebé ou ser finalista do Premio Barco de Vapor. Nesta ocasión a novela e a súa peculiar adaptación ás entregas diarias ten a un xornalista novo como protagonista. O rapaz, recente licenciado, comeza a padecer algúns pesadelos e unhas aparicións recorrentes que o levan a facer unha indagación sobre o seu pasado, un pasado que ten polo medio unha adopción, unha familia nova e coa que é foi feliz ata a desaparición dos seus pais adoptivos. A intriga complícase na atmosfera de misterio e, como corresponde ao xénero das entregas diarias, vai cambiando de un día para outro, guiando a atención dos lectores. O obra de Concha Blanco competiu cunha novela presentada baixo o lema Mar de agosto, obra de María Teresa Cameselle Rodríguez, de Ferrol. Mestra de profesión, activista cultural, colaboradora de La Voz de Galicia, Concha Blanco, recibiu onte o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia explicando as dificultades dun xénero que «mantén unha relación tan directa cos lectores aos que é necesario contaxiar dun día para outro». O xurado desta sétima edición do premio de La Voz de Galicia estivo formado por Santiago Lope, gañador da anterior edición, o escritor Miguel Anxo Murado, e os xornalistas Luís Ventoso, Ernesto Sánchez Pombo e Tucho Calvo. Ademais da publicación diaria no mes de agosto nas páxinas de La Voz e unha posterior edición en libro, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.