«docuRreality» | 23.00
Fóra de pista invítanos a disfrutar da compaña dun deportista de elite en Galicia, narrándonos en primeira persoa como compaxina a súa vida co deporte. Descubriremos a parte menos coñecida dos deportistas, o esforzo por acadar o triunfo e as forzas para afrontar as derrotas. Esta loita por acadar as súas metas é a que merece a nosa atención e dá alma do programa. Na entrega desta semana coñeceremos un pouco máis sobre a disciplina do kayak-polo da man de Carlos Mieres. Din que este deporte é unha mestura entre o waterpolo, o baloncesto e o piragüismo.
Carlos Mieres é veciño das Pontes e xogador desta modalidade dende hai xa uns anos. Tras competir varias temporadas coa Selección Española, dedícase agora a adestrala na categoría sub-21. Neste programa, Carlos e os seus compañeiros do Clube Xuvenil Endesa As Pontes mergúllannos neste descoñecido deporte.