«Fina representa á mocidade que ten que quedar na aldea»

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

A actriz sinala que o seu personaxe vive «á sombra da súa nai»

14 mar 2012 . Actualizado a las 14:20 h.

Beatriz Bravo ten un personaxe en Padre Casares que ela considera como «un contrapunto» dos moitos que se moven na parroquia. Un personaxe, Fina, que vive dependendo dos demais, segundo a actriz que a interpreta.

-Se tivese que explicar como é Fina, ¿que diría?

-É unha rapaza moi nova para as cousas que lle pasan. Vive rodeada de xente con moito carácter, con xeitos de ser moi peculiares. Está a súa nai, que é unha muller de armas tomar. A nai é unha muller moi interesante, pero Fina vai ter que enfrontarse con ela a cousas que pasan e tamén vai ter que enfrontarse a el.

-¿Esa é unha relación moi complicada para Fina?

-Ela vive á sombra da nai. Polo medo, pero tamén polo cariño. Fina chega á serie cando queda preñada e non sabe que facer. Ela tiña outros plans. Entón namora de Josito, que é entrañable e divertido, pero vive doutro xeito ao que Fina espera. Por outra parte ela, e tamén Josito, están moi suxeitos aos demais, ás veces maréanos un pouco aos dous.

-¿Cre que representa á mocidade das aldeas?

-Representa un pouco á xuventude que queda na aldea. Ela marchou da casa para estudar e polo tanto quería outra vida. As circunstancias non llo permiten, así que agora vive coa nai e está suxeita ao que nai di. Pode ser que estea algo frustrada por esa circunstancia, pero tamén se vai adaptando.

-¿Vai ter cambios a súa personaxe?

-Agora está máis segura, dentro do que é ela, que non é unha persoa de moito carácter. Creo que vai gañando en seguridade, a pesar das cousas que pasan na aldea. Sabe como é a súa nai, sabe do seu carácter, sabe que conta co amor de Josito, sabe que o fillo crece ben. Empeza a coñecer o mundo no que vive e está máis tranquila.

-En comparación cos outros personaxes, ¿ela é moito menos friki?

-Hai personaxes con excentricidades e hai personaxes con máis sentidiño. Ten que haber personaxes que sirvan de contrapunto. Tamén son un poucos máis sosos, pero son necesarios.

beatriz bravo fina en «padre casares»