A actriz sinala que o seu personaxe foise facendo «máis tolerante»
03 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A primeira dama de Louredo é Moncha, unha devota muller dun alcalde que tira máis a ateo. Fina Calleja, que esta fin de semana actuou con Sarabela en Viaxe a ningunha parte, asegura que o papel da «alcaldesa» foise suavizando co paso das temporadas.
-O papel de Moncha foi cambiando co paso das temporadas. ¿Cales son as diferenzas?
-Agora Moncha é moito menos ríxida que ao comezo. Non é que cambiara de forma de pensar, pero é máis tolerante ou está disposta a aceptar mellor outras cousas. Non perde ocasión de actuar como primeira dama, pero está máis comprensiva.
-¿Tamén co seu home, Delmiro, o alcalde?
-Neste caso, co paso das temporadas fomos descubrindo cousas novas e, a pesar de que son unha parella con ideas contrarias, foise descubrindo que manteñen a atracción un polo outro e que están máis unidos do que pode parecer.
-¿Como mantén unha actriz a relación co personaxe?
-No caso de Padre Casares temos a vantaxe de que é unha serie coral e o protagonismo está moi repartido. Os personaxes, ademais, teñen recorrido e para cada temporada teñen cousas novas que contar.
-¿Os espectadores como ven ao seu personaxe?
-Antes rifaban máis comigo, as mulleres porque era pouco dura e os homes porque trataba mal ao meu marido. Agora calmou un pouco.