
Iria Acevedo encarna a Patricia
12 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Patri e Carmela, tan cómplices como diferentes, son as dúas irmás empresarias da vila de Dorneda. Mentres que a segunda é a dona do mesón, a primeira é a panadeira da vila e «está sempre coas mans na masa, metida en todos os fregados», explica Iria Acevedo, a actriz que a encarna.
-¿En que se diferencian Patri e Carmela?
-Patri é unha muller visceral, en contraposición a Carmela, que é máis racional. O meu personaxe é moi vehemente, pasional e moi intensa, pesada incluso de tan intensa. Pero tamén é moi forte e brava, como as mulleres da costa, e vive bastante o momento sen valorar as consecuencias dos seus actos.
-Xa se viu no primeiro episodio que ten unha dobre vida amorosa.
-Si, ten unhas vacacións... Escapa da vida habitual e déixase levar sen valorar a quen pode facer dano. Ten certo encanto, pero non o dosifica. É unha muller que se pode namorar de máis dun home e pensa solo nela mesma, sen contar cos demais.
-A relación chega a ser tensa con Carmela en canto ao xeito de coidar a Manel, o seu pai.
-Si, porque aínda que son cómplices e quérense moito, son moi diferentes. En relación co pai, Carmela é máis sensata e intenta saber que quere el. En cambio, Patri busca que o pai estea ben par estar ben ela mesma. Se intenta que Manel non vaia ao mar é porque así ela non ter que preocuparse. Ten un punto de egoísmo en moitas cousas.
-¿Que destaca de todo o que está por vir en «Viradeira»?
-Que todo se vai complicar moito e haberá enfrontamentos duns cos outros. Cando hai cartos de por medio aparece a avaricia e todo se revoluciona nunha vila que era tranquila. As paixóns e as emocións se desatan e rebordan por todos os lados. Vai subir a marea en Dorneda.