«Loreto é unha muller de tirar para adiante»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Este domingo, a partir das 22.30 horas, na TVG, novo episodio de «Método Criminal»

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo a partir das 22.30 horas Televisión de Galicia emite un novo episodio de Método Criminal, a serie que produce Voz Audiovisual, no que a actriz Mara Sánchez interpreta á personaxe de Loreto

-Aínda que «Método Criminal» é unha ficción, como levas o de interpretar á representante de Luís Iglesia?

-Teño que empezar dicindo que a de representante é unha profesión que non coñezo moito porque eu non teño representante e por iso tampouco sei moi ben como traballan, entón tiven que centrarme máis nos asuntos persoais que hai entre entre eles. Eu orientei á personaxe na busca do que é mellor para Luís e para o seu futuro, aínda que el non está seguro de que iso sexa así (ri).

-Loreto tamén mantén unha relación moi especial coa súa filla Gaila. Como traballaches esta relación?

-A verdade é que Lidia Veiga e máis eu non tivemos moito tempo para construíla. Normalmente, cando comezas nunha serie e a túa personaxe forma parte dun círculo pequeno, como unha familia, sempre tratas de reunirte co resto dos intérpretes para falar das tramas e das personaxes, pero na situación actual, e polos protocolos que hai en gravación, isto non foi posible. Eu a Luís xa o coñezo desde hai 30 anos aínda que nunca traballaramos nunha mesma produción. Con Lidia si que botei en falta ter este traballo previo porque non a coñecía, pero desde o primeiro momento houbo un achegamento instintivo e traballamos moito as miradas. Eu sentinme moi a gusto traballando con eles e tamén co resto do equipo.

-Pola súa profesión, a túa personaxe está moi relacionada coa produtora. Canto hai de verdade deste mundo en «Método Criminal»?

-O certo é que hai moi pouca verdade (ri). Todos sabemos que a vida de Luís Iglesia non é como na serie e a produtora tampouco é tan real. Por exemplo, en Galicia hai moi poucos actores, por non dicir ningún, que teñan poder de decisión nunha ficción e tampouco é habitual que tamén sexan os produtores. É un recurso ficticio que funciona moi ben na serie e teño que dicir que a min encantaríame que isto fose certo (ri).

-Como vai ser a traxectoria de Loreto en «Método Criminal»?

-A partir de agora Loreto vai estar máis involucrada na traxectoria de Gaila e terá que acudir ao rescate nalgunhas situacións. Tamén vai ter un conflito importante con Luís por diferenzas na forma de tratar os temas que afectan a Gaila. Tamén vai descubrir cousas sobre a vida que está levando Luís que van provocar unha reacción de sorpresa (ri). Loreto é unha muller de tirar para adiante e de aceptar as cousas como veñen polo que non ten máis que facer que adaptarse ás novas situacións que se aveciñan na serie. O que está claro é que Loreto nunca vai ir en contra dos intereses de Luís nin da súa filla.

-Cal foi o maior reto ao que te enfrontaches na gravación da serie?

-Eu creo que o máis complicado foi conseguir o nivel de confianza necesaria co resto de compañeiros para que as relacións tivesen a veracidade necesaria. Alcanzar ese nivel de familiaridade sen ter opción de quedar cos compañeiros para construíla foi unha cousas que me tivo preocupada ata que fixemos o primeiro ensaio e vin que non había problema. Tamén preocupábame encaixar no ton xeral da serie porque Loreto só ten presenza en dous decorados, pero agora estou moi contenta co resultado. Creo que hai un ton xeral que o unifica todo e está moi ben logrado.

-Neste momento cal cres que é o reto ao que se enfronta a profesión?

-Eu creo que hai varios. O mundo da interpretación é un mundo de tocar, de facer, de achegarse, de ter que falar moi preto da outra persoa e agora non se pode traballar desta forma. O resultado acaba saíndo pero nos ensaios tes que estar coa máscara e isto impide ver as reaccións dos teus compañeiros e, aínda que a través dos ollos tamén tes información, perdes moita carga xestual que só a vas ver cando gravas. Isto en canto o audiovisual porque o teatro ten outras particularidades e outras complicacións porque o teatro é tocar todo tempo, xa sen entrar nas limitacións de aforo que obrigan a facer funcións que están indo a perdas. Son tempos complicados para a profesión e estou desexando que pase todo isto para poder tocar e comunicarnos como o facíamos antes.

-Que podes contar do episodio desta noite?

-No capítulo desta semana vai haber moito movemento (ri). Loreto vai alucinar co tema do secuestro de Gaila e con todo o que lle aconteceu a Luís desde o comezo da serie ata a relación de amizade que mantén con Damián.