
Esta noite, ás 22.00 horas, o concurso da TVG entregará os 23.600 euros acumulados no bote do programa
04 may 2025 . Actualizado a las 08:05 h.Un dos cinco concursantes que están participando no concurso que produce Voz Audiovisual será o afortunado que se faga co gran premio. Quen gañará 23.600 euros? Estes os son cinco finalistas.
Antón G.
Antón G. está a piques de converterse no terceiro Máquina do concurso con máis de cinco programas ás súas costas. Sempre que pode aproveita para mostrarse orgulloso do seu concello, Meira, a onde quere levar o bote.
Antón
O cangués de 22 anos, estudante de ADE na Coruña, converteuse no primeiro Máquina da historia do Atrápame se podes, chanzo arriba grazas á súa intelixencia e perspicacia. Empatado a Minutos Finais co seu máximo rival, Pablo, é o outro gran favorito para facerse co bote.
Sergio
Vén de Vilasantar, pero é nativo de Valladolid. O Atrápame se podes, chanzo arriba axudoulle a sacar o Celga 4, polo que non podía deixar pasar a oportunidade de participar e practicar no estudio o seu galego. Sergio quere demostrar que o «chegar e encher» é máis que un dito.
Pablo
O funcionario de Cabana de Bergantiños de 29 anos leva unha traxectoria imparable no concurso. Seis minutos finais a tan só unha pregunta de gañar o bote son os que o avalan como un dos favoritos para facerse con el esta noite.
Lala
Descríbese como soñadora social. A de Teis non só é a mellor movendo as cadeiras na pista do Atrápame se podes, tamén contando datos curiosos, como que lle gusta cortar verduras mentres escoita pódcasts de asasinatos reais. Lala deféndese en tódolos campos, menos no campo de fútbol, pero quen sabe? Hoxe quizais si.
E ti, levarías o bote?
As preguntas que vai ter que responder esta noite o afortunado ou afortunada que suba ao quinto chanzo serán as seguintes:
- En que ano se firmou o tratado polo que España entrou na Comunidade Económica Europea?
- Quen foi o último rei de Francia, executado na guillotina en 1793?
- En que serie da TVG facía Pedro Alonso de Don Horacio?
- Que concello comparte nome co Deus grego da Guerra?
- Ademais de España, que outra selección só gañou nunha ocasión o Mundial de fútbol?
As respostas a todas estas preguntas desvelaranse no programa desta noite, cuxa emisión comeza ás 22.00 horas.
Terceiro premio máis alto
O bote deste domingo é o terceiro máis alto dos entregados no concurso. No ano 2023 o Atrápame se podes entregou 101.800 euros, o premio económico máis alto da historia da Televisión de Galicia. O gañador foi o profesor de música de Miño, Iván Pantín. E no 2024 Sonia Gándara, dependenta da Coruña, levou 45.600 euros.