Un verán cargado de series de estrea, cine infantil e clásicos renovados en Xabarín.gal

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

.

«As aventuras de Paddington» e «Citizen code», dispoñibles por primeira vez en galego

22 jun 2025 . Actualizado a las 15:02 h.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) reforza este verán a súa oferta infantil na plataforma dixital Xabarín.gal, cunha programación renovada, educativa e chea de diversión para os máis pequenos da casa. O inicio das vacacións chega cargado de estreas, clásicos actualizados e contidos especiais que acompañarán á cativada galega durante toda a tempada estival.

Un dos grandes atractivos deste verán é a chegada, por primeira vez en galego, da serie de animación As aventuras de Paddington (desde o 23 de xuño), protagonizada polo entrañable osiño que vive en Londres. Tamén se incorpora á plataforma Citizen code (desde o 25 de xuño), unha proposta divulgativa que introduce os rapaces na cultura dixital, ofrecendo ferramentas para entender e navegar con seguridade no mundo da informática.

O cinema tamén terá un protagonismo especial en Xabarín.gal, con títulos destacados como A tartaruga vermella (27 de xuño), O neno e o mundo (18 de xullo), Coppelia (4 de xullo) e a película infantil galega A casa da luz'(25 de xullo), que se estrearán ao longo dos meses de xuño e xullo.

Non faltarán os clásicos favoritos do público infantil. Doraemon e Shin Chan regresan con novos episodios desde o mes de xuño, e tamén volve ás pantallas galegas Pipi Mediaslongas, coas súas aventuras inconfundibles. A plataforma continuará ampliando as súas producións máis recentes, como Os Bolechas: historia de Galicia (25 de xullo), Can cheirento (1 de xullo) ou A patrulla canina (8 de xullo), que estrearán novos capítulos durante o verán.

Entre os contidos máis destacados cómpre salientar a estrea dunha sección especial o 24 de xullo dedicada aos 40 anos de programación infantil na TVG.

Ademais, ao longo de agosto, seguirán chegando novidades como a serie Angus & Cheryl (14 de agosto), máis capítulos de Boom e Reds (8 de agosto), e novos contidos de Chupóns (22 de agosto) e Os misterios de Alfred.